Comeza en São Paulo a Campus Party máis anticrise

martes, 20 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Finalmente, e con crise ou sen ela, os internautas acaban facendo o que máis lles gusta: comunicarse. Esta é a razón básica de todos cantos encontros de usuarios das redes hai e este é o alicerce dun dos máis importantes, a Campus Party, que está a celebrarse xa na cidade brasileira de São Paulo. A xuntanza, máis anticrise e máis culturalmente libre ca nunca (semella haber entre organizadores e participantes unha vontade de arredar malas vibracións derivadas do parón económico mundial), reúne xa baixo un mesmo teito a 6.325 seareiros da Rede procedentes do país irmán e de todo o eido latinoamericano. O gran obxectivo dos organizadores (amais dos devanditos de escorrentar malos agoiros da crise e tirar abaixo atrancos no fluxo de coñecemento) e das firmas que patrocinan (entre as que se conta Telefónica) é un obxectivo duplo. Ou mellor dito: un obxectivo en dous tempos. Por unha banda preténdese o de costume, favorecer a comunicación total entre os asistentes, e pola outra búscase algo até o de agora case inalcanzable: a comunicación entre países e sociedades. De feito, a iso precisamente responde o feito da internacionalización da Campus Party, nun principio ligada a Valencia e agora rotando polo mundo adiante.
Por certo que á fronte da Campus Party Brasil atopamos un vello coñecido de Galiza e máis polo miúdo da nosa comunidade de programación aberta: Marcelo Branco. Entre mans ten un orzamento (preto de 2,5 millóns de euros) e unha longa serie de espazos e áreas por controlar: escenarios temáticos (11), escenarios especiais (8) e áreas destacadas (5). Como non podía ser doutro xeito (tendo como ten a party en labores de dirección a Marcelo Branco, un dos líderes da promoción do software libre a nivel mundial), a programación aberta asume un papel salientable no desenvolvemento do encontro. Neste senso, están previstos relatorios, mesas redondas e mesmo obradoiros.
Tamén están programadas actividades vinculadas á robótica e aos videoxogos, que son sempre un piar indiscutible neste tipo de citas e un dos seus principais atractivos. A party, que ten as portas abertas até este domingo, inaugúrase tamén como un espazo de encontro para o fomento do negocio e da innovación. Esta vertente comercial non é diferente da de calquera xuntanza destas características, só que o que noutras se dá en dimensións relativamente reducidas, aquí se maximiza: do que se trata é de achegar ás empresas ao sitio exacto onde se atopa concentrado o meirande número de futuros talentos, e todo co valor extra dun escenario de actividades privilexiado, o dun país en pleno espallamento económico e tecnolóxico. Polo que respecta ao programa de actividades en si mesmo, a cifra é das que causan vertixe (non podía ser doutro xeito, tendo en conta o número de asistentes): está prevista a celebración de 419 accións de moi diferente índole, amais de 1.000 relatorios, entre os que se conta os que vai impartir Tin Berners-Lee (considerado o creador da World Wide Web) ou Jon Maddog Hall (un dos máximos representantes no mundo do espírito do software libre). Tamén está confirmada a asistencia do músico Gilberto Gil, ex ministro de Cultura de Brasil e militante recoñecido da cultura libre e do intercambio de coñecemento sen atrancos.

PUBLICIDADE