Comeza en Santiago o gran evento galego sobre comercio electrónico, CONECOM

xoves, 19 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Imaxe da primeira edición de CONECOM

Este xoves celébrase no Pazo de Congresos de Santiago unha xuntanza de gran interese para os nosos profesionais do ámbito TI, pero tamén para calquera profesional -de calquera sector- que teña previsto iniciar algún tipo de estratexia innovadora de promoción e vendas no seo da súa empresa e empregando ferramentas 2.0. Falamos da Conferencia de Comercio Electrónico CONECOM, un evento que vai pola súa terceira edición e que nos brinda a oportunidade de participar nun máis que completo programa de charlas e obradoiros formativos sobre os máis diversos temas tecnolóxicos. A xornada comeza (9.30) cunha introdución ao correo electrónico (oportunidades e como levalas a cabo) a cargo de María del Carmen Fernández (Infinitum Ecommerce) e Xosé Rivera (DobleClic).
Logo é a quenda de Nacho de Francisco, de Elogia, que falará sobre técnicas para chegarmos aos consumidores dunha maneira non intrusiva (inbound marketing). Jesús Sánchez, de Correos, tomará o relevo arredor das 10.30 horas para afondar na importancia dunha boa estratexia loxística. Sobre as 11.30 horas, será a quenda de Dolores Diz, de Mas Valor, e logo intervirán en mesa redonda Innovar é a clave do éxito da nosa tenda David Salgueiro de Galantiqua, David Pombar de SetPay e Iván Fociños de IPGlogal. Logo dunha pausa para o xantar, as actividades proseguirán pola tarde con outra mesa redonda (sobre as 15.00 horas) a cargo de Marcos Pereira de Escompring, Javier Gómez de TodoTaladros e Fernando Gómez de Predomina. Lalo García reabrirá a xeira de relatorios arredor das 16.00 cunha conferencia sobre desenvolvedores de establecementos de venda dixitais, seguida doutro relatorio a cargo de María del Carmen Fernández (Infinitum Ecommerce).
Volvendo ao evento Conecom en termos xerais, dicir que é case con toda probabilidade a máis importante (e a primeira) de cantas xuntanzas se celebran na nosa terra arredor da temática do comercio electrónico. Ten por finalidade, segundo informan os organizadores (DobleClic), formar e dar as ferramentas de traballo ás PEME e ás novas iniciativas empresariais no ecommerce para así “crear un sector competitivo e fortalecer o tecido empresarial galego coa axuda das institucións e o esforzo de todos”.
Segundo engaden os impulsores da iniciativa, esta abrangue un amplo abano de nichos, sectores e temáticas, xa que a cuestión das vendas e as comunicacións por Internet e polas redes sociais é xa, a día de hoxe, unha cuestión universal que afecta a tódalas empresas. “Sectores como a artesanía, a agricultura, a industria e a cultura galega”, informan, “teñen un gran potencial de comercialización, pero en moitos casos non atopamos nin os recursos nin a iniciativa como para saber desenvolvelo e fortalecelo, baleiro que pretendemos cubrir con CONECOM, rompendo barreiras e instruíndo e capacitando aos emprendedores nas plataformas tecnolóxicas”.

PUBLICIDADE