Comeza en Santiago a gran cita dos seareiros da programación aberta: a Libre Software World Conference

xoves, 18 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Bruce Perens. fundador da Open Source Initiative, impartiu o relatorio de apertura do encontro

Comezou hoxe en Santiago, día 18, un dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada, tanto polas súas implicacións sobre o futuro do noxo xeito de acceder á información (que para os participantes no evento debera ser o máis libre, accesíbel e universal posíbel), como pola súa repercusión no eido internacional (asisten ao encontro expertos e usuarios de programación aberta de todo o mundo). Falamos da Libre Software World Conference 2012, unha xuntanza concibida como un obradoiro de experiencias e de intercambio de ideas, ao xeito (punto por punto) dun taller en liña de código aberto. A cita celébrase na Cidade da Cultura, nas instalacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, cuxa directora, Mar Pereira, presidiu a primeira hora da mañá o acto oficial de apertura. O encontro vén da man de AGASOL, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, co apoio de ASOLIF e da Xunta de Galicia.
O programa, como dixemos os días pasados, será do máis completo, non deixando cuestión relativa á programación aberta por cubrir.
No foro inscribíronse máis de 400 persoas, constituíndose este encontro como unha oportunidade de primeira orde para darmos conta do traballo, o coñecemento e a potencialidade dos distintos actores do software libre en Galicia.
Ademais, sinalou AMTEGA os días pasados, o congreso supón “un punto de encontro e debate sobre novidades, iniciativas, e proxectos en software libre desenvolvidas a nivel internacional, grazas á participación de expertos e profesionais de distintos países.
O evento será tamén unha potente ferramenta de comunicación para a difusión do software libre aplicado a ámbitos como a economía, a sociedade e as administracións públicas.

Mar Pereira, presidiu o acto oficial de apertura

Como dixemos, o acto de apertura das actividades contou coa presenza de Mar Pereira, directora de AMTEGA, que aproveitou a ocasión para salientar a potencialidade da programación aberta como “unha alternativa cada vez máis importante no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de envergadura tanto no sector público como no sector privado”. Segundo apuntou, esta é a estratexia que está a seguir, precisamente, o Goberno galego, “que leva anos apostando polo software libre” en iniciativas da Administración como o Proxecto Abalar (integración das TIC na educación) ou na Rede de Aulas CeMIT (tecido de espazos para a formación dixital de empresas e para cidadáns). “Grazas a Abalar”, dixo, “desde o pasado mes de setembro 44.000 alumnos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola; e os 15.000 usuarios de CeMIT fórmanse en tecnoloxías con equipamento dotado de programas abertos”.

No foro inscribíronse máis de 400 persoas

Aforro de 2,5 millóns de euros

Mar Pereira apuntou tamén que emprego do software libre nestas iniciativas e noutras para o impulso da Administración Electrónica permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011. A directora de AMTEGA salientou igualmente que “estas non son actuación illadas senón que forman parte dunha estratexia global para impulsar a programación aberta que se plasma ano a ano en cadanseu Plan de Acción en materia de Software Libre”.

PUBLICIDADE