Comeza a súa andaina o programa AceleraTIC

xoves, 2 de xuño do 2016 Redacción

Hoxe comezou a súa andaina en Santiago a iniciativa AceleraTIC, un programa para impulsar a transformación dixital das nosas PEME. No acto de apertura, presidido pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, fíxose saber que AceleraTIC está integrado nas actividades do Centro Demostrador TIC da Axencia e abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas. A maiores, inclúe un programa específico para directivos e xerentes de empresas galegas, que comeza o vindeiro 9 de xuño e desenvólvese en colaboración coa Escola de Negocios de Afundación. Precisamente o director de Marketing da entidade bancaria galega, Francisco Álvarez, participou no acto de hoxe.
Pereira salientou no transcurso da presentación que o proceso de dixitalización dunha empresa vai “alén da compra de tecnoloxía e que implica asumir obxectivos de negocio empregando os avances dixitais”. E engadiu: “É un proceso global e transversal a toda a compañía”. En base a isto, AceleraTIC integra un Programa Formativo para a Transformación Dixital da PEME dirixido a directivos e xerentes de empresas, que a AMTEGA desenvolve, como dixemos, en colaboración coa Escola de Negocios AFundación. A finalidade deste programa formativo é achegar ao tecido produtivo galego perfís directivos que “manexen o dixital dende o punto de vista estratéxico”. Ou sexa que teñan os coñecementos e as habilidades precisas comprender o valor da tecnoloxía en cadanseus negocios.
O programa estenderase ao longo de seis xornadas formativas impartidas por diversos expertos. Abordaranse cuestións como a mercadotecnia dixital para PEME, o comercio electrónico ou os datos masivos (Big Data), entre outras cousas. A preinscrición pode realizarse a través da web do CDTIC, no correo electrónico cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.
De entre as solicitudes recibidas a AMTEGA seleccionará 25 directivos para cada unha das xornadas formativas. Aqueles directivos que completen todas as xornadas recibirán o título Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa outorgado pola Escola de Negocios Afundación.
AceleraTIC complétase con accións de divulgación, como un ciclo de entrevistas a empresas de diversos sectores de Galicia que asumiron procesos de transformación dixital no seu negocio. Ademais, segundo engade AMTEGA, os profesionais e traballadores das empresa galegas atoparán no programa AceleraTIC “un completo calendario de seminarios de curta duración e eminentemente prácticos, para sacarlles o máximo rendemento ás solucións tecnolóxicas existentes”.

PUBLICIDADE