Comeza a formación para a obtención do CODIX dos responsables das aulas CeMIT

luns, 19 de maio do 2014 Redacción

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) inicia hoxe a primeira edición do curso de teleformación para á obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX), dirixida aos responsables das aulas CeMIT e das entidades colaboradoras e de acción voluntaria da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O CODIX acredita a formación en ofimática da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada. O itinerario formativo, cun total de 190 horas de contidos, e no que participan 112 persoas, rematará no mes de xullo cunha proba de avaliación presencial, que será necesario superar para obter a certificación, tal e como se recolle no Decreto 218/2011 que a regula.
Unha vez acreditados os formadores das aulas, a partir de setembro, convocaranse cursos abertos á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimático e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT, que incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.

PUBLICIDADE