Comeza a formación dos proxectos preseleccionados para a cuarta convocatoria de Vindeira Capital Network

venres, 25 de outubro do 2013 Redacción

Segundo informa o Clúster TIC Galicia, comezou finalmente a fase formativa dos proxectos preseleccionados para a cuarta edición do Encontro Vindeira Capital Network (VCN), un evento organizado por dita alianza empresarial galega (co apoio de XesGalicia, IGAPE, o Club Financeiro de Vigo e o Concello de Santiago) e que se celebra en Compostela os dias 21 e 22 de novembro. Polo tanto, dende este venres e até o vindeiro 15 de novembro, as iniciativas preseleccionadas para participar no encontro afondarán, “de xeito individualizado e moi a súa medida”, en temas de mellora dos seus plans de negocio, análise e alternativas para o financiamento, comunicación e mercadotecnia adaptados ás súas necesidades empresariais, etc, informa o Clúster.
Ao mesmo tempo, os responsábeis dos proxectos participarán en mesas redondas e xornadas nas que se afianzarán coñecementos, madurarán os seus proxectos e obterán técnicas de exposición, que lles permitirán, “de xeito breve, claro e conciso”, en palabras do Clúster, facer unha presentación que capte o interese do inversor. Esta fase formativa, chamada Venture Academy, é polo tanto un programa intenso e personalizado de achegamento de contidos e habilidades, dirixido a garantir a mellora dos proxectos cara a súa presentación perante financiadores.
A esta cuarta edición do Vindeira Capital Network presentáronse 30 proxectos empresariais, dos que 17 foron convocados para facer presentación e defensa ante ante os membros do comité de selección, formado por representantes do Clúster TIC Galicia e de XesGalicia.
O dito comité validou 15 proxectos que pasarán á fase formativa. “No exhaustivo informe realizado”, informa o Clúster, “os membros do comité indicaron os graos de madurez e as feblezas de cada caso, marcando as áreas e niveis dos que se deben de partir para, que de xeito individualizado, se traballen na Venture Academy”. Trátase, engaden, “dunha formación con alta flexibilidade que se adapta a cada proxecto, conseguindo incrementar as posibilidades de alcanzar os mínimos de calidade e madurez esixidos para chegar á fase final, o encontro cos investidores”. Por certo que aos 15 proxectos sumaráselle o gañador da StartupWeekend Galicia 2013.
Os proxectos preseleccionados abranguen temáticas moi variadas, como son: software de comunicacións, aplicación móbiles, software deportivo, tecnoloxías de localización, servizos de certificación, plataformas de comercio electrónico ou biomecánica aplicada, entre outras.

PUBLICIDADE