Comeza a facer ruído a edición cacereña dun dos grandes eventos do software libre: DrupalCamp

venres, 13 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

Cáceres acollerá os vindeiros días 26 e 27 de outubro a cuarta edición do que con probabilidade sexa o maior (cuantitativamente) dos eventos estatais organizados por e para os seareiros de Drupal. A nova edición da xuntanza DrupalCamp, antes celebrada en Barcelona, Sevilla e Madrid, prepárase xa co obxectivo de subir un novo chanzo no afianzamento da comunidade de usuarios, desenvolvedores e seareiros do xestor de contidos de código aberto. Segundo apunta a organización, o número de visitantes e participantes nas edicións previas foi moi alto, e nada indica que a convocatoria cacereña vaia achegar cifras menores, máis ben o contrario, tendo en conta o interese crecente que está a espertar o software libre en tódalas frontes. Desta volta, contarase coa presenza da comunidade Drupal de Portugal, xa que existen varios proxectos que promoven o intercambio cultural e de negocio entre ambos os países.
Segundo informa OpenSistemas, unha das firmas promotoras da xuntanza, “estamos ante un evento no que se comparte coñecemento, xérase networking, afiánzanse relacións e achégase unha excelente oportunidade para traballar en conxunto”.
A organización da DrupalSpain abriu o prazo de recepción de propostas de charlas até o próximo 21 de setembro e recomenda que as presentacións estean baseadas en experiencias e con orientación práctica. Respecto da temática das charlas, a organización sinala é preferíbel que estea directamente relacionada con Drupal, aínda que tamén se aceptan charlas horizontais. Algúns exemplos destas liñas poden ser: estratexias de negocio, comunidade, frontend/deseño/usabilidade, escribindo código, experiencia de usuario, site building, goberno/universidade, open data, xestión de proxectos, etc. Outras das recomendacións que se dan desde a organización para orientar mellor as presentacións son respectar os 45 minutos de duración, evitar promocionarse a un mesmo ou á empresa á que se representa e identificar a proposta cun título claro e concreto.

PUBLICIDADE