Comeza a coller corpo o banco dixital galego de prácticas culturais referenciais
martes, 7 de marzo do 2017
A
Deputación da
Coruña, a través da súa Área de Cultura, anunciou esta semana o
seu apoio ao Banco Dixital das Boas Prácticas Culturais, unha
iniciativa web con feitura de repositorio e centrada en amosar ante o
mundo os froitos de experiencias creativas desenvolvidas na nosa
terra e cun marcado cariz referencial. O apoio da Deputación
materializarase a través de financiamento. O banco dixital vén da
man da Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural.
Nunha
xuntanza na que participaron a vicepresidenta e responsábel da Área
de Cultura, Goretti Sanmartín, e o asesor deste departamento, Xavier
Campos, ambos por parte da Deputación da Coruña, e o presidente,
Alberte García e vicepresidente, Carlos Lorenzo, por parte da dita
asociación, acordouse a posta en marcha do acubillo en liña e
puxéronse sobre a mesa detalles básicos da súa andaina, como o
prazo adicado ao seu desenvolvemento (dous anos). Segundo explicou
Sanmartín, a Deputación valorou “de maneira moi positiva a
iniciativa”, entre outras cousas “porque dará a coñecer dentro
do propio ámbito da cultura galega o traballo de profesionais e
iniciativas de grande interese que se desenvolven en diferentes
escalas, desde concellos a asociacións sen ánimo de lucro, pasando
por empresas ou entidades de maior dimensión”.