Comeza Vindeira Capital Network 2013 poñendo ao alcance dos nosos proxectos 35 millóns de euros en investimento

xoves, 21 de novembro do 2013 Redacción

Presentación do foro con Antonio Rodríguez del Corral, do Clúster TIC Galicia; Reyes Leis Rodríguez, do Concello de Santiago; Santiago Novoa, de Novagalicia Banco, e Juan Cividanes, de Xesgalicia

Finalmente dá comezo este xoves en Santiago o foro Vindeira Capital Network, organizado polo Cluster TIC de Galicia e de cuxa presentación dimos conta onte en detalle. O evento en cuestión, que se desenvolve en Santiago, diríxese a facilitar o camiño dos nosos emprendedores TIC cara aos fondos que poderán facer posíbel que os seus proxectos boten a camiñar. En total, participan no evento dúas ducias de investidores, entre hoxe e mañá, achegando a posibilidade de tirarmos partido de 35 millóns de euros. Os proxectos galegos que participan en Vindeira Capital Network son 15 start-ups do eido das novas tecnoloxías da información e do software aplicado á biotecnoloxía.
Dos 15 proxectos que participan en VCN’’13, nove proceden de Vindeira Venture Academy, a fase de formación na que participaron 16 propostas preseleccionadas dun total inicial de 30 candidatos. A estes nove proxectos súmanselles outro catro orientados ao sector da biotenoloxía e outros dous convidados que amosan xa un importante grao de maduración que lles permite acceder de maneira directa ao foro de investimento. Ademais, outros 19 proxectos serán incluídos tamén no dossier que se entregará aos investidores participantes en VCN’’13.
Como dixemos onte, a cuarta edición de Vindeira Capital Network está organizada polo Clúster TIC Galicia en colaboración con Xesgalicia e conta co patrocinio de Novagalicia Banco, R e o Concello de Santiago de Compostela. O foro de investimento de VCN’’13 dá comezo (oficialmente) este xoves ás 16:30 horas, cun acto de apertura ao que poderán asistir os medios de comunicación. A continuación, xa a porta pechada, presentaranse os investidores participantes e comezarán as presentacións dos proxectos empresariais. A clausura terá lugar pasadomañá, venres, ás 13 horas, e contará coa intervención de Mar Pereira Álvarez, directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As sesións desenvolveranse no Hotel AC Palacio do Carme en Santiago de Compostela.
A continuación damos conta dos participantes no foro de investimento de VCN’’13 procedentes de Vindeira Venture Academy.
· Cilenis. Ofrece solucións e produtos baseados na investigación no procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística. Desenvolve software con filosofía de código aberto para ofrecer solucións avanzadas que melloran o acceso, tratamento e organización do coñecemento.
· Creappcuentos. Desenvolveu unha aplicación para Android e iOS que permite a creación de contos ou historias dixitais de forma sinxela e intuitiva, logrando que nenos e pais interactúen e estimulen a súa creatividade e maxín empregando unha ferramenta visual e intuitiva.
· Escompring. Puxo en marcha unha plataforma na que produtores e consumidores poden comerciar de maneira directa, sen intermediarios nin gastos de intermediación. Deste xeito, o produtor dispón dunha tenda en liña sen ter que realizar ningún investimento e o consumidor pode mercar a prezos de orixe.
· Kiply. Solución que permite recoller de forma automática información útil e detallada daqueles traballadores que interactúan decote con dispositivos electrónicos. Só é preciso instalar un pequeno paquete de software nos seus dispositivos e comezarase a recompilar información totalmente confidencial acerca do seu “eu profesional”.
· Neteleven. Desenvolve software para a obtención de datos estatísticos avanzados de eventos deportivos en tempo real, con aplicacións específicas para clubs e equipos profesionais, medios de comunicación e casas de apostas.
· OSM Lab. Aplica a tecnoloxía á biomecánica clínica. Implanta laboratorios para a valoración do dano corporal, a valoración científica dos problemas músculo-esqueléticos e da ergonomía, a avaliación das posturas e a análise de cargas.
· Signedoc. Propón ás empresas un servizo para xestionar e asinar os seus contratos, pedidos, facturas, e outros documentos, axilizando a súa forma de enviar e recibir documentación asinada de maneira electrónica. A través da web úsanse certificados electrónicos para asinar a documentación.
· Sinaturas. Desenvolve e comercializa unha solución software para a emisión e xestión de títulos formativos a través de medios dixitais, o que permite obter importantes reducións de custos.
· Torus. Traballa en servizos de computación e comunicacións orientados aos sectores das finanzas, telecomuniacións, tecnoloxías da información, enerxía, defensa e industria aeroespacial.
Proxectos do ámbito da Biotecnoloxía
Bialactis
Detection and Radiation Technologies (DART)
MD.Use!
AFFINImeter
Proxectos convidados
Tiivii
Gamifik
Investidores participantes en VCN’’13
Active Venture Partners
Ámbar
Big Sur Ventures
Bullnet
Business In Fact
Caixa Capital Risc
CDTI
Creaventure
DCN / Realiza Business Angels
Efizenza
Emprende Capital
Enisa
Everis
Faraday Venture Partners
Fundación Bankinter
Fundación Entrecanales
G8 Capital
Inveready
Kibo Ventures
Lanta Capital Ventures
MITEF
Sitka Capital

PUBLICIDADE