Comeza Pint of Science con mancheas de charlas científico-tecnolóxicas en Santiago, Lugo, A Coruña e Vigo

luns, 22 de maio do 2023 S. P.

Este luns 22 de maio comeza o festival internacional Pint of Science, que centra esforzos en achegar un novo e revolucionario formato de divulgación científica (nos establecementos hostaleiros, cun importante elemento de proximidade e informalidade). Tal e como sinalamos dende este medio a semana pasada, Pint of Science conta este ano cunha importante participación galega: haberá charlas en cinco cidades galegas, impulsadas polas nosas tres universidades e os seus centros de investigación (por exemplo o CITIC da UDC ou AtlanTTic da UVigo). Se ben os días pasados reflectimos o programa da UDC e da UVigo, hoxe poremos o foco na USC, que organiza sesións en Lugo e Santiago, da man do CiMUS, o CiQUS ou o CiTIUS, entre outros. O festival estenderase ao longo dos días 22, 23 e 24 de maio.
En Lugo
A alfabetización científica contra a desinformación será o título do relatorio que abra o Pint of Science na cidade de Lugo. A charla correrá a cargo da investigadora Paloma Blanco Anaya e desenvolverase, ao igual que o resto de relatorios, a partir das 18.00 horas, na Cafetaría Noroeste. A continuación Montse Pena Presas abordará as científicas na literatura, mentres que Nerea Gandoy pechará a sesión do luns 22 con Avatares, mutantes e amores.
Rosa Romero Franco profundará no poder das plantas o martes 23. Xusto despois será a quenda de Gonzalo Fernández Rodríguez, quen disertará sobre as infeccións en animais. Finalizará a sesión Antonio Rigueiro co seu relatorio sobre árbores monumentais.
O Pint of Science botará o peche o mércores 24 coas intervencións de Ángela González Martínez, Emilio Díaz Varela e Santiago Pereira Lorenzo. A hiperactividade en cans, unha check list para montar unha merendola na Lúa, e os castaños xigantes resilientes en Europa serán os temas abordados nesta derradeira sesión.
En Santiago
Compostela acollerá nas mesmas xornadas e novamente a partir das 18.00 horas, a versión santiaguesa do Pint of Science no bar cafetería Alborada de Veiga. As persoas que asistan o luns 22 poderán escoitar charlas distendidas que acometan o desenvolvemento de fármacos, a posibilidade de que non sexamos tan iguais como cremos, a vida máis alá da auga ou o chatGPT. Os relatorios correrán a cargo de Antón Leandro Martínez Rodríguez do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), José Manuel Amoedo Meijide do grupo de investigación ICEDE (Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento), Adrián Sánchez Fernández do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e Aldán Creo Mariño do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).
O martes 23 Clara Landesa Gómez, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, abordará os primeiros instantes do universo. A continuación, será a quenda de Francisco Javier Salgado Castro, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, quen pronunciará o relatorio O pecado antixénico: a primeira impresión conta. Completarán a primeira xornada do Pint of Science compostelán Jeannette Rodríguez Pallares do CiMUS, Borja Aparicio Gil do CiQUS e Olga Barca Mayo, tamén do CiMUS. Os temas a tratar serán a rexeneración do cerebro, mirar o universo con gafas fluorescentes ou por que durmimos.
Na derradeira das sesións, o mércores 24, intervirán Francisco Javier Cardama do CiTIUS, Mayra Maritza Quemé Peña do CiQUS, María Pilar Prieto Martínez do grupo EcoPast, Francesc Yassid Ayyad Limonge do IGFAE e María José Carreira Nouche do CiTIUS. Novamente o chatGPT, a necesidade (ou non) de novos fármacos, entre cavernícolas e romanos, do mundo cuántico ao ollo e o debate actual sobre a Intelixencia Artificial integrarán a listaxe de temas abordados.
En Vigo
Esta 8ª edición conta cun bar de Vigo que acollerá 6 charlas repartidas en 3 días, coa participación de 6 científicos e científicas como relatores (todos/as da Universidade de Vigo, dous pertencentes ao centro atlanTTic). É un evento totalmente gratuíto, e o programa completo, con enderezos de bares, temáticas e horarios, xa se pode consultar na web de Pint of Science. O festival en Vigo tratará temas de actualidade como a Intelixencia Artificial ou as tecnoloxías fotónicas. Nos diferentes eventos desta edición haberá experimentos, demostracións en vivo, actividades e premios. O bar no que se realizarán as charlas será o Bar Cañaveral (Porta do Sol, 6, Vigo).
Nesta edición participarán relatores e relatores de centros de investigación, universidades e entidades da comunidade científica como o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic; o Centro de Investigación Mariña, CIM, e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, todos eles pertencentes á Universidade de Vigo (UVigo), ou a Universidade do Minho (Portugal). Entre os e as protagonistas: José Lorenzo Alonso Gómez coa súa charla ¿Moléculas quirales para H2 verde?, Paloma Morán Martínez con El viaje del salmón y cómo podemos protegerlo ou Felipe Gómez Cuba con Chocolate, Wi-Fi e buracos negros. O programa completo xa se pode consultar na web.
Na Coruña
Na Coruña serán dous bares da cidade os que contarán coas intervencións de 12 científicos e científicas, na súa maioría investigadores da UDC. Trátase do Bar Árnica, na rúa de Herrerías, 2, e La Olímpica Bar en Alfredo Vicenti, 39, os días mencionados a partir das 20 horas.
Os temas que tratarán nesta edición van dende a Intelixencia Artificial, a epixenética da transexualidade, as células artificiais ou os coches que funcionan con hidróxeno.
As xornadas distribuiranse do seguinte xeito:
O día 22 no Bar Árnica terán a quenda Roberto Brea, do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), que falará de Células artificiais á carta: creando vida no laboratorio, e Verónica Bolón, do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación), que contará Por que aínda non lle debemos temer aos robots.
O mércores 23 será Socorro Castro, do CICA, quen explicará Como funciona un coche de hidróxeno e Ángel D. Arós Rodríguez, da UDC, sorprenderá a todos cunha exposición que leva por título “Todos os soles, á vez, en todas partes”.
Xa o día 24 Vicente Díaz Casás do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) achegaranos á Enerxía do Mar, a Eólica mariña e Rosa María Fernández García do CICA cuestionarase se Existe un xen da transexualidade, entre moitas outras sorpresas.
Pola súa banda La Olímpica Bar acollerá como sesións inaugurais o día 22 a Alicia L. Bruzos, do University College of London, que nos contará A viaxe submarina dunha célula de cancro, e a Manuel Herrador, do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), cunha intervención que leva por título A miña casa é de plástico!
O martes 23 tocaralles a José Luis Pardo Vázquez, do CICA, que nos explicará Que pasa no cerebro cando se toma unha decisión?, e a Gloria González Fortes, do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parda Pondal, coa exposición Tal como éramos: un retrato xenético dos nosos antepasados.
Xa para rematar, o día 24 clausurarán o festival Jesica Asatryan, do CITENI, quen explicará a razón pola que Os fotóns son caros e Francisco Alonso Tajes, da UDC, coa charla Rafa Nadal e Usain Bolt: campións de pés de barro?
O evento é de carácter gratuíto, e o programa completo pode consultarse na web: https://pintofscience.es/events/coruna.
Científicos e científicas españolas enchen bares e cidades de ciencia
A edición 2023 do Festival de Divulgación Científica Pint of Science será a 8ª que acolla España. Durante a súa celebración, os bares das nosas cidades converten, durante eses tres días, en improvisados laboratorios que amosarán á clientela habitual e a tódalas persoas interesadas, os avances máis recentes da ciencia en España.
57 localidades repartidas por toda a xeografía darán a saída á edición 2023 o próximo luns 22 de maio, celebrándose de maneira simultánea máis de 500 charlas divididas en 300 eventos de entrada totalmente gratuíta. “Ver crecer esta iniciativa, vivir a experiencia nos bares, a transformación do público, e contar con grandes poñentes, fan grande a Pint of Science e a todo os que forman parte del”, afirma Ana Peña, responsábel de comunicación da edición, que engade que “pensamos que o principal interesado é o público xeral, pero os científicos son os primeiros aos que lles ilusiona a iniciativa e mostran interese en contar o seu traballo, sendo protagonistas de levar a ciencia á sociedade”. Nunha linguaxe comprensíbel e próxima, o persoal investigador máis punteiro do panorama nacional falará sobre proxectos das áreas máis variadas, de Neurociencia a Astrofísica, de Medicina a Historia, de Supercomputación a Matemáticas, de Economía a Zooloxía.
Pint of Science no mundo
Son 26 os países que este ano compoñen o gran equipo encargado de encher bares e locais coa investigación científica máis actual do planeta Terra. Os compañeiros australianos serán os primeiros en abrir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa correcta divulgación. Con eles e co resto de países anfitrións, comezará un maratón de 3 días de ciencia e bares.
Un ano máis, Pint of Science é unha realidade
Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido, cando dos investigadores: Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de mostrar a investigación que realizaban as persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron a gran repercusión que tivo neses pacientes, e así pensaron, si a xente vai á ciencia… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente? Os bares. Pouco se imaxinaban que uns anos despois, este ben chamado festival, daría a volta ó mundo.
Ademais, PoS 2023 non sería posíbel sen a colaboración de organizacións que patrocinan o festival e que facilitan que sexa gratuíto como FMC Agricultural Solutions e Vadillo Asesores a nivel nacional.

PUBLICIDADE