Comeza GaliciaTIC abordando diferentes xeitos de avanzar na nosa transformación tecnolóxica
xoves, 22 de setembro do 2016
Hoxe a primeira
hora comezou finalmente GaliciaTIC
2016, edición número 14 dun evento que se vai desenvolver ao
longo de todo o día, primeiro con relatorios propiamente ditos e
logo (máis ben contra a tardiña) con debates “cara a cara” (as
chamadas Start-Up Battles) de diferentes parellas de expertos
TIC (emprendedores, empresarios, representantes en definitiva do noso
tecido produtivo tecnolóxico dixital). A inauguración de GaliciaTIC
celebrouse contra as 9.30 da mañá. O fío temático da apertura (e
todo o programa restante do evento) foi a transformación dixital:
como acelerala nas nosas empresas e administracións, como
converternos en abandeirados dela e como facerllo saber ao mundo.
Na sesión de apertura
participaron a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, e os
organizadores Giovanni Giardina, da asociación Ineo, e Miguel
Merino, director de GaliciaTIC. Na sesión, Miguel Merino fixo
fincapé no éxito desta convocatoria: con case 250 inscricións,
duplicouse a cifra do ano pasado.
Giardina falou, entre
outras cousas, de como debe ser a devandita transformación dixital:
ao seu xuízo, o axeitado non é levala a cabo puntualmente nun intre
concreto dentro dunha corporación, senón que a fórmula máis
acaída é a de convertela nun procedemento natural e continuo. En
certa maneira, dixo, “debemos transformarnos durante todo o tempo”
e non só as empresas TIC senón tamén as dos restantes sectores,
onde o ideal sería que houbera expertos TIC que fosen quen de
coñecer á perfección as necesidades tecnolóxicas destas empresas,
e facerllas saber ás firmas especializadas en atender esas demandas.
Giardina tamén dixo que
“temos en Galicia un sector forte do que gabarnos”, non só no
que se refire ás empresas consolidadas senón tamén as que están
chegando, as dos novos emprendedores. Incidiu tamén nos obxectivos
de Ineo, entre os que atopan os seguintes: dar visibilidade ás nosas
empresas en todos os mercados, fomentar a colaboración, defender o
sector, etc. “Dende Ineo e GaliciaTIC”, engadiu, “debemos facer
todo o posíbel para que se escoite falar das nosas empresas fóra de
Galicia e España”.
Mar Pereira destacou
igualmente o músculo innovador galego: “Podemos dicir que temos
proxectos moi importantes e dos que se falta, e moito, fóra de
Galicia”. O reto, sinalou, é conseguir que todos os sectores
tradicionais e todas as administracións públicas estean en
situación de aproveitar ao máximo todo o que pode brindar o noso
sector TIC. Respecto dos retos da transformación dixital, dixo que
cómpre involucrar ao máximo o meirande número de firmas, sexan do
ámbito e do tamaño que sexan, pero facendo fincapé nas de tamaño
medio ou pequeno. “As grandes a fin de contas apenas precisan
axuda”, explicou, “pero temos que ter en conta que o noso sector
produtivo ten moitas empresas de tamaño medio e pequeno e o desafío
é facerlles os procesos de transformación tecnolóxica e dixital
máis doados e sinxelos”.