Comasis organiza unha xornada para quitar ferro nas empresas aos cambios dixitais

martes, 1 de decembro do 2015 Redacción

A empresa galega Comasis, especializada en xestión do coñecemento e deseño de aplicacións e redes sociais, celebra este xoves na Sala Marcos Valcárcel da sede da Deputación de Ourense a xornada Transformación Dixital, un encontro destinado principalmente a favorecer un meirande clima de receptividade tecnolóxica entre as nosas empresas. Ou sexa, que se dirixe a quitarlle ferro ás TIC e amosar as vantaxes destas ferramentas para os nosos sectores (melloras na organización documental, novas canles de negocio ou melloras na comunicación co cliente e no seu mantemento no tempo). Na xornada participarán expertos en consultoría TIC, desenvolvedores e empresarios de éxito do sector dixital amosando as súas experiencias.
Nerea Míguez, responsábel de partner & solution sales en Vodafone, será a encargada de abrir o primeiro panel. Logo virá a quenda de Elicio Benito, director rexional en Galicia de Atos, seguido de Bernardo Viqueira, consultor de Seguridade en Inprosec. Logo da pausa para o café retomarán a sesión de relatorios Jesús Fraga, director de Sector System, Luis Calvo, director executivo d Comasis, e Antonio Urbano, director de Solucións Documentais en Din. Os casos de éxito amosados serán Atrevia Galicia e a correduría de seguros Artai.

PUBLICIDADE