Collen impulso os robots amigábeis para a xente maior do proxecto galego NETA V3A

xoves, 26 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os días pasados presentáronse no Espazo+60 de Afundación (Abanca) os máis recentes detalles do proxecto NETA V3A, co-impulsado pola empresa compostelá Balidea, co obxectivo de achegar dispositivos tecnolóxicos robóticos que acompañen o envellecemento activo e velen pola práctica de hábitos saudábeis, a autonomía e independencia entre as persoas idade. Segundo fixeron saber as empresas impulsoras de NETA no reconto de fitos acadados, ao longo de 2019 levouse a cabo a definición conceptual do robot do proxecto, concretamente o seu deseño visual e morfolóxico.
Tamén se encarou o desenvolvemento das interfaces software e dos módulos de interacción por voz que permitirán aos usuarios acceder ás distintas funcionalidades tanto en castelán como en galego. Para estes fitos, lembraron, contouse coa colaboración de Afundación e os socios voluntarios do Espazo+60, que achegaron a súa experiencia vital e profesional para dar forma ao corpus conversacional e á conteptualización de NETA, sen do obxectivo final (en parte conseguido) materializar “un robot afastado de estereotipos”. Na seguinte fase construirase o primeiro prototipo co obxectivo de realizar os pilotos durante o verán e poder presentalo a finais de 2020.
NETA V3A é como dixemos unha iniciativa de I+D+i que busca achegar solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, no marco da convocatoria Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Á fronte de NETAV3A están as empresas Atendo, Balidea, Fruto DS e Ledisson AIT, con Gradiant como centro tecnolóxico asociado. Propoñen robótica social, asistencia por voz, gamificación e Intelixencia Artificial con vistas a ter entre mans “unha solución tecnolóxica respectuosa e que apoie a cada persoa no desenvolvemento do seu plan de vida”, informaron, engadindo que o marco de traballo foi o modelo da Atención Centrada na Persoa (ACP), xa que este baséase no respecto á singularidade e as decisións persoais.
Os logros, polo miúdo
Tal e como comentaron as empresas desenvolvedoras con máis detalle, no 2019 definíronse as funcionalidades e requisitos de NETA V3A, así como o seu plan de probas. Así mesmo, están a finalizarse as accións de definición conceptual do robot, concretamente o seu deseño visual e morfolóxico. Amais, avanzouse nas actividades de deseño e desenvolvemento da plataforma tecnolóxica asociada, principalmente as relacionadas coa creación do corpus conversacional, a implementación do bot conversador, o deseño da arquitectura da plataforma, o deseño da interface robótica e a aplicación da plataforma asistencial. Realizáronse outras actividades correspondentes ao deseño e desenvolvemento do robot, como o estudo de requirimentos técnicos que non cumpre o robot social estándar, o estado da arte dos módulos externos a engadir, o deseño da carcasa do robot, a fabricación do prototipo desta e o deseño interno.

PUBLICIDADE