Colle pulo a promoción das vilas termais pontevedresas con códigos QR e presenza nos móbiles

venres, 9 de febreiro do 2018 Redacción

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentaron onte o seu proxecto de sinalización tecnolóxica para as vilas termais provinciais. A cita cos medios de comunicación celebrouse na compaña, precisamente, dos alcaldes das localidades termais de Ponte Caldelas (Andrés Díaz), Catoira (Alberto García), Cuntis (Manuel Campos), Caldas de Reis (Juan Manuel Rey), O Grove (José Cacabelos), e Mondariz-Balneario (José Antonio Lorenzo). Como lembraremos, esta iniciativa inclúe (entre outras cousas) o fornecemento de paneis con códigos QR para promover os recursos turísticos destas vilas, ás que cómpre engadir tamén Vila de Cruces.
Carmela Silva, na súa intervención, salientou a potencialidade da provincia de Pontevedra, “que conta co maior número de prazas de aloxamento termal de España e balnearios de referencia internacional en diferentes tratamentos”. Ademais, sinalou que estas localidades contan con “centos de historias que xunto ás augas termais, as mellores do mundo e tan importantes nunha sociedade como a actual que cada vez máis aposta pola saúde, teñen unha enorme capacidade de atracción”.
Impulsar esta capacidade de atracción e estas altas potencialidades é, precisamente, o obxectivo do programa presentando onte da man da titular do Goberno da Deputación, que explicou, ao fío desta cobertura tecnolóxica, que “xa que vivimos no século XXI e neste século hai ferramentas tecnolóxicas que permiten dar unha información de vangarda e situarnos como unha referencia tecnolóxica no entorno da promoción turística, cómpre que lles tiremos o máximo proveito”. E isto, apuntou, “é o que queremos conseguir con estes sete paneis informativos con códigos QR que instalaremos nas vilas termais da provincia”.
Segundo se fixo saber aos medios na cita cos alcaldes, os paneis informativos contan cunha imaxe antiga da vila e un mapa co resto dos concellos termais. A través do móbil, as persoas visitantes poderán acceder a unha información en galego, castelán e inglés, máis ampla cá que se atopa no panel, ben accedendo a través da web, ben escaneando o código QR ou coa tecnoloxía NFC, moi empregada por persoas con diversidade funcional. A información que achegan os códigos permiten ver máis fotografías, facer navegacións e recibir datos relativos a localidades situadas preto de cada unha das vilas termais.
Nun plano concreto de reivindicación histórica e patrimonial, Silva enxalzou as burgas romanas de Caldas de Reis e Cuntis, o emprego das augas de Brea (Vila de Cruces) polos monxes de Carboeiro para tratamentos reumatolóxicos, as augas termais que en Catoira se empregaban desde o século XVII, o nome relacionado coas augas termais de Caldas de Reis e Ponte Caldelas así como os edificios rexios de Mondariz-Balneario e da Toxa, nos “que se aloxaron persoeiros históricos desde a segunda metade do século XIX”.

PUBLICIDADE