Colle pulo a aceleradora galega de proxectos de saúde TIC, Senda Startup
mércores, 10 de xaneiro do 2018
SIVSA,
Innova Labs, Coremain e Autronic son as compañías que están detrás
de Senda Startup,
aceleradora galega para proxectos innovadores ligados á saúde
dixital, á eficiencia hospitalaria e ás metodoloxías para garantir
o envellecemento activo. Segundo
informa SIVSA, Senda seleccionou xa os tres proxectos de alicerce
tecnolóxico que se desenvolverán na súa primeira edición.
Trátase das startups viguesas Avisa_Me e B-Strength, e dun
monitor de hospitais de Santiago achegado por Coremain. As tres
firmas innovadoras centran a súa actividade nas áreas da saúde, o
benestar, a asistencia ou os recursos para garantir a calidade de
vida na terceira idade.
SIVSA
tamén conta que todas as startups empezaron xa a recibir
asesoramento e financiamento personalizado e adaptado ás súas
necesidades, desde a sede de Senda Startup e o espazo de co-working
que se atopa na Zona Franca de Vigo.
Respecto
de Avisa_Me, é unha iniciativa viguesa que propón un servizo de
información pioneiro en España e dirixido a acompañantes de
pacientes da área cirúrxica. Promovida polo enfermeiro vigués
Daniel Simón, aposta por romper as barreiras físicas das salas de
espera, creando unha nova canle de comunicación directa entre o
equipo cirúrxico e os acompañantes do paciente. O sistema dá a
posibilidade ao usuario de non ter que ficar na sala de espera
durante o tempo que dura a cirurxía, “coa tranquilidade de saber
que recibirá un aviso”, engade SIVSA. Este aviso realizarase a
través de SMS cando a intervención chegue ao seu remate. O
principal obxectivo de Avisa_Me durante o seu paso por Senda Startup
é dar o chimpo ao exterior. De feito, a plataforma xa está
integrada en toda a área cirúrxica e na Unidade de Reanimación do
hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e entre os seus plans a medio
prazo atópase estender a ferramenta a outras áreas do hospital,
como Oncoloxía ou Hemodinámica, chegar ao resto de hospitais
públicos galegos e ter presenza no mercado latinoamericano.
B-Strength,
pola súa banda, vén da man do adestrador físico vigués Ramón
Lago e salienta por presentar unha solución que mellora, de forma
automatizada, o estado físico das persoas. É unha iniciativa
concibida en gran parte para resolver un dos principais problemas do
sector da rehabilitación e o envellecemento activo: o control
automático da forza e o cálculo exacto do peso que se necesita para
traballar no mantemento da masa muscular. Esta máquina de
adestramento incorpora un sistema de tiro innovador cun motor
eléctrico e a un asistente virtual.
O
terceiro proxecto é un monitor de procesos impulsado pola firma
santiaguesa Coremain e liderado polo enxeñeiro técnico informático
Marcos Mata. Trátase dunha plataforma para o seguimento de procesos
enfocada a mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos
hospitalarios. O obxectivo é simplificar as tarefas técnicas
complexas de modelado e monitoraxe, para que calquera profesional,
sen un perfil técnico, poida deseñar e analizar no sistema un
proceso asistencial ou administrativo. Nun plano máis concreto,
posibilitará facer seguimento de cousas como o fluxo integral de
hospitalización dun paciente ou analizar os tempos e procedementos
desde que o usuario accede a urxencias até que recibe o alta. O
sistema tamén é quen de achar posíbeis puntos de mellora en canto
ao servizo asistencial, o gasto sanitario ou o tempo de cada proceso.