Colle impulso a fase primeira do proxecto de fibra óptica para a zona vella de Santiago

martes, 6 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Santiago, a través da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico que preside a edil de Urbanismo Mercedes Rosón, informou favorabelmente da fase primeira do proxecto para levar conexión avanzada (fibra óptica) para a contorna histórica da cidade. Trátase, como recordaremos, do Proxecto de infraestrutura para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. A fase primeira pon o foco na rúa do Franco e máis na rúa do Vilar (34-84) e conta cun orzamento de execución material de 39.946,95 euros.
A proposta que foi elixida veu da man de Orange. Nela incluíronse condicións como a relativa á rede de dispersión (os cables de acometida para a clientela deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e dos elementos comúns interiores dos edificios, non sendo autorizábel o acceso ás vivendas e locais a través das ventás) ou a que se refire ás pegadas nas fachadas (co fin de reducir o impacto visual da instalación as novas Caixas Ópticas Terminais (CTO) terán de maneira preferencial un acabado en cor gris, en lugar de negro, para “integrarse o mellor posíbel nos paramentos de granito”). Ademais especifícase que o trazado dos pasos de rede de rede soterrados deberán deseñarse sempre “seguindo a aliñación das lousas de granito da cidade histórica, e de acordo co criterio de afectar ao menor número de pezas orixinais”; e que as tapas das novas arquetas faranse con lousa de granito das mesmas características cás existentes no pavimento, e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola superficie. Por outra banda, a obra civil correspondente á execución de pasos soterrados da nova rede de distribución de fibra óptica “deberá ser aproveitada para soterrar simultaneamente todos aqueles tendidos aéreos que poidan ser suprimidos”.

PUBLICIDADE