Código Cero estrea sección para a participación dos lectores

venres, 15 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Ó iniciarse o noso sétimo ano de andaina, en Código Cero queremos contar coa colaboración dos nosos lectores e subscritores interesados en publicar os seus contidos tanto para a web como para a revista impresa de edición mensual.
Para iso, vimos de poñer en funcionamento unha nova sección na que calquera interesado pode facernos chegar as súas suxestións, páxinas recomendadas, blogs, programas ou mesmo deixarnos os comentarios (positivos ou negativos) que consideren oportunos.
De entre tódolos correos recibidos faremos cada mes unha escolma para publicar na nosa revista mensual de novas tecnoloxías á marxe dos que poidan ser pendurados na sección do portal web.
Aqueles interesados en participar no proxecto coas súas reportaxes, iniciativas, webs ou o que queira que consideren de interese para Código Cero poden escribirnos a paxinas@codigocero.com e nos encargarémonos de seleccionar a información e publicar as novas.
Dende Código Cero queremos agradecer de antemán a vosa participación e a boa acollida que, tanto o portal como a revista impresa, están a ter entre tódolos nosos lectores habituais.

PUBLICIDADE