Clonan a páxina web de Grooveshark

martes, 5 de maio do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos días vimos como o servizo musical vía web Grooveshark dicía adeus por presións da industria discográfica, pero aínda que o seu dominio .com permanece inoperativo, sorprendeu a aparición dun clon do mesmo co sufixo .io, que partiría dunha realizada por un individuo aparentemente alleo aos creadores de Grooveshark, que conseguiu replicar os contidos da páxina web anterior e procurou tamén copiar a interface de uso de Grooveshark, incluíndo listaxes de reprodución e favoritos, o que permitiría que os usuarios orfos do servizo puidesen continuar a gozar do mesmo.
Esta xogada é claramente arriscada, xa que o principal argumento de Grooveshark sobre a legalidade do seu servizo era que os contidos musicais partían dos usuarios, e no novo espazo web os contidos terían sido achegados por unha única persoa consciente do que estaba a facer, o que sería unha clara infracción do copyright, polo que non parece que Grooveshark.io vaia estar activo moito tempo, á vez que non resulte moi recomendable acceder páxinas web que clonen as orixinais, xa que descoñécese as intencións reais das persoais anónimas que están detrás, o que en non poucas ocasións empregouse para a distribución de malware.

PUBLICIDADE