Climantica.org rexistra unha nova marca en número de visitas

luns, 27 de xuño do 2011 Redacción

A plataforma en liña do proxecto educativo Climántica recibiu a segunda semana de xuño visitas de usuarios situados en máis de 50 países, rexistrando máis de 16.000 visitas de case 11.000 usuarios únicos nese período, o que supón todo un record para este espazo virtual.
Este proxecto iniciado hai catro anos aborda as principais problemáticas ambientais relacionándoas co cambio climático, atravesando as barreiras das diferentes disciplinas implicadas e as dos propios centros educativos, para estender a educación sobre o cambio climático a toda a sociedade. Cun enfoque transversal a todos os contextos educativos de materia ambiental, Climántica baséase no intercambio en rede de ideas e experiencias, así como na elaboración e difusión de produtos didácticos, tanto en comunidades de profesores coma nas de alumnos.
Durante as últimas 3 semanas a web do proxecto Climántica non baixou das 1.000 visitas diarias; houbo días que se alcanzaron as 3.500 visitas. No último mes, ademais, ten rexistradas 35.000 visitas con 22.500 visitantes únicos e unha porcentaxe de novos visitantes do 60%. Todas as semanas do mes de xuño se rexistraron unha media de 500 visitas/semana dende Arxentina, México e Portugal. Neste país veciño o 60% das visitas son novas igual que en España, xa que o proxecto leva tempo implantado en varios centros. Non obstante, en Arxentina e México estase a rexistrar un 90% de visitas novas.
Algúns dos factores que potencian e constatan o seu desenvolvemento son:
- Por primeira vez en España, realizouse un congreso virtual de estudantes sobre este reto global e aberto a explorar respostas sen límites de fronteiras nin de niveis educativos.
- Climántica forma, en colaboración coa Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra mediante un curso de e-learning recoñecido polo Ministerio de Educación, a profesores de todas as comunidades autónomas.
- A posibilidade de uso de diversos soportes dentro do proxecto: descarga de varios libros didácticos e científicos, uso dun vídeo-xogo, actividades interactivas, ou blogues en máis de cen centros.

PUBLICIDADE