Clientes de Toshiba acusan á empresa de non respectar os termos da promoción da Mundial

xoves, 15 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

En cuestión de promocións das empresas, sexan do sector ou do tamaño que sexan, é mellor sempre actuar con precaución. Se che ofrecen cousas, así como boas de máis para ser certas, cómpre encaixalo cun aquel de espírito crítico, doutra maneira é ben posible que a caída sexa máis dura se o noso entusiasmo nos leva moi arriba. Esta lea vén a conto porque, como recordaremos, unha boa cantidade de compañías apuntouse durante o Mundial (e se cadra levadas pola cegueira vermella e amarela, moi mala de quitar de enriba) a anunciar todo tipo de agasallos e devolucións de diñeiro se ao final a selección española acadaba o meirande trunfo. Ben, pois se cadra entre as que contaban que a selección non ía gañar nada atopábase Toshiba, a xulgar pola vaga de críticas que lle está a caer dos seus clientes e logo de establecer certas excepcións á hora de devolver o custe íntegro de televisores e portátiles mercados durante eses días. Como era de agardar, semella que houbo algo de truco e, polo tanto, excepción.
Deste xeito, a multinacional négase a reintegrar o prezo dos ditos aparellos a todas aquelas persoas que non se rexistraran na súa web. En opinión dos clientes que non caeron na conta deste requirimento (ou que non foron informados debidamente, cousa máis que probable), estamos perante un claro exemplo de publicidade enganosa. Así dicía a dita promoción, que por certo tivo a súa réplica noutros países como Portugal ou Alemaña: “Merca un novo portátil Toshiba coo novo procesador Intel Core i5 do 2010 ou un televisor Toshiba, e se España gaña a final devolverémoste todos os teus cartos”. Polo que contan os clientes máis críticos, na mensaxe lanzada pola multinacional non se di nada de rexistrarse na web da empresa. En opinión da firma, todo estaba claro, a propia oferta e os xeitos de participar nela, a través dunha web específica.

PUBLICIDADE