Clausurado o curso en liña sobre enerxía que organizaba a USC

xoves, 29 de maio do 2008 Raquel Noya

O director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Juan Álvarez, vén de clausurar o primeiro curso en liña que organizou a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa da Habana no marco do Simposio Internacional de Enerxía Gea 2008 celebrado no concello de Mariano na capital de Cuba.
Este primeiro curso virtual deu acollida a preto de 30 profesores de ámbalas dúas entidades que intercambiaron experiencias centradas na necesidade de crear unha nova cultura ambiental, desenvolvemento sostible, aforro enerxético, eficiencia enerxética e outras cuestións relacionadas co sector.
No acto de clausura, Álvarez fixo entrega dos diplomas acreditativos dos participantes e aproveitou a súa intervención para salientar a importancia destes encontros internacionais “que permiten aportar coñecementos sobre modelos diferentes de planificación enerxético segundo as distintas realidades dos países”, tarefa que Internet facilita de xeito considerable ó acurtar as distancias entre continentes.
O devandito Simposio Internacional de Enerxía GEA 2008 continuará a súa actividade ata o vindeiro 31 de maio, combinando diversas conferencias con obradoiros prácticos para os asistentes.

PUBLICIDADE