Classora Technologies estrea un servizo que facilita a detección de empresas que entran en situación concursal

mércores, 22 de febreiro do 2012 Redacción

Classora Technologies está a explotar os seus servizos</A> máis aló de Classora.com

A empresa galega Classora Technologies creadora de Classora a primeira base do coñecemento en español para Internet, lanzou ao mercado unha serie de servizos de recompilación de datos orientados ás empresas e a banca.
O primeiro destes servizos é Classora Bank Advisor, dirixido ás entidades bancarias, que automatiza e facilita datos recompilados a partir do BOE sobre concursos de acredores. Esta información supón unha vantaxe decisiva para o departamento xurídico, xa que reduce o tempo necesario para detectar a entrada dunha empresa en situación concursal.
No sector da banca existe a necesidade de xestionar expedientes de persoas físicas e xurídicas en situación concursal. O número de expedientes está en constante aumento, o que consume un volume importante de recursos nas entidades financeiras. Dispoñer desta información en formato electrónico e procesala automaticamente permite reducir o tempo consumido na súa detección e posterior tratamento.
Classora Bank Advisor proporciona diariamente, no formato desexado polo cliente, unha lista das persoas físicas ou xurídicas que entraron en situación concursal, segundo a publicación diaria do BOE.
As principais vantaxes deste servizo son a súa eficacia, xa que reduce os tempos de detección da situación concursal; a súa continua actualización, porque a información se subministra día a día; a fiabilidade e calidade dos datos, que se obteñen de forma automática directamente de BOE aplicando filtros que velan pola integridade dos datos recompilados, e a redución de custos que evita a revisión manual do BOE, unha actividade suxeita a erros e perdas e que consume tempo ao persoal da entidade.
A compañía tamén desenvolveu outras ferramentas destinadas á empresa, como Classora Media Support, un servizo orientado a medios de comunicación e axencias de noticias. Classora Media Support permite documentar cada noticia da actualidade en diarios dixitais cunha ou varias fichas de datos complementarias, que enriquecen e contextualizan os artigos publicados.

O tratamento de datos como valor


O importante de Classora é que non só permite visualizar a información, senón tamén a clasificar e descubrir cousas novas sobre esta, xa que cruza información de cada elemento do mundo con todos os rankings e listaxes nos que figura, compara as evolucións no tempo ou por zonas, representa graficamente os resultados e visualiza estas informacións en mapas. Unha das ferramentas da páxina permite facer preguntas sobre datos concretos ou dúbidas puntuais sobre calquera tema.
Cunha renovación constante, actualmente manéxanse máis de 2 millóns de unidades de coñecemento e 15.000 informes. Estes datos xeran, dependendo da demanda de información por parte do usuario, máis de 14.000 mapas e 600 millóns de gráficas comparativas potenciais.

PUBLICIDADE