Cinco novas iniciativas galegas, recoñecidas nos Premios Bancaja 2007

xoves, 24 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Hai presenza galega nos recoñecidos polo Premio Bancaja Jóvenes Emprendendores 2007 que convocou a dita entidade financeira e que se veñen de resolver. Entre as cinco iniciativas da nosa terra galardoadas atopamos unha de base tecnolóxica da que xa temos falado nalgunha ocasión nesta mesma web. Trátase de Quobis Networks, firma con sede na Tecnópole de Ourense e que foi recoñecida por Bancaja pola súa vontade innovadora e de xeración de emprego estable, sobre todo o que se fomenta entre a mocidade. Na imaxe, un dos responsables da firma, Iago Soto, nunha intervención recente.
Como dixemos, na listaxe de galardoados, que acudirán en breve á sede social da entidade en Valencia para participar na entrega de premios, atopamos máis presenza galega. Concretamente a das iniciativa Camarón de Galicia (especializada na produción intensiva deste tipo de marisco e con sede en Moaña), Cheminbranch (centrada na comercialización de moléculas bioactivas aplicables ás industrias química e farmacéutica, e con sede en Santiago), Pipirigañas (firma de publicidade e comunicación con espazo físico en Mos) e máis Musselect, empresa ligada á Feuga que vén de saír nunha chea de medios de comunicación por desenvolver unha semente de mexillón inmune á marea vermella.

PUBLICIDADE