Cinco millóns de euros para habilitar redes ultrarrápidas en 81 polígonos máis

xoves, 7 de xullo do 2016 Redacción

O acceso avanzado á Rede é un pulo extra para a produtividade industrial. De feito, nos nosos tempos xa apenas se concibe o segundo sen o primeiro. En base a isto, o Goberno galego vén de anunciar un investimento de 5 millóns de euros para estender redes ultrarrápidas en 81 polígonos industrias máis dos anunciados os meses pasados. Segundo informou a Xunta, esta nova actuación supón abranguer o 79% dos polígonos galegos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada. Estas medidas foron dadas a coñecer polo presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feióo, tralo seu acordo no Consello.
Segundo fixo saber, a Xunta investirá 3,4 millóns de euros para que o operador correspondente despregue redes ultrarrápidas naquelas superficies industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. Este investimento, dixo, mobilizará en total 5,2 millóns de euros e estenderase durante o período 2016-2018.
O presidente tamén concretou que a oferta do operador que se impuxo na convocatoria publicada o pasado mes de abril permitirá garantir o acceso a este tipo de redes en 81 polígonos industriais.
A previsión, engadiu, é iniciar os despregamentos este ano en 17 polígonos; en 2017, noutros 30; e en 2018, nos 34 restantes. Segundo engadiu, o resto de complexos industriais cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan de Banda Larga, que se estende ata 2020. Feijóo sinalou que os 81 polígonos obxectivo desta actuación “terán acceso a este tipo de redes a través de fibra óptica cunhas velocidades mesmo superiores de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas”.

PUBLICIDADE