Científicos desenvolven unha tecnoloxía que le as intencións das persoas antes de que actúen

luns, 12 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Nestes tempos en que case ninguén dubida da eficacia e da rigorosidade científica das máquinas da verdade que saen nos programas de lercheo de televisión, o impacto dun desenvolvemento que permite anticipar os movementos dun individuo antes de que actúe, non semella sorprendernos moito. Porén, ó invento que imos comentar non lle falta interese, e case semella unha das moitas predicións cumpridas do escritor Phillip K. Dick, autor de O informe da minoría (Minority Report) ou Soñan os androides con ovellas eléctricas?. Segundo informou os días pasados The Guardian, o aparello diríxese cara ós pensamentos da persoa á que estea conectado para, a través dun escáner de análises cerebrais, atopar e interpretar a mensaxe que probablemente teña ficado até o de agora máis na escuridade: a dos plans segredamente trazados para o minuto, hora ou día seguinte.
Segundo declaracións de John Dylan (o responsable do estudo) ó dito xornal, “o emprego do escáner é como acender unha luz e ver o que está escrito”. Os científicos que forman parte do proxecto pertencen ó Instituto de Ciencias Cerebrais e Cognición Humana Max Planck de Alemaña, en colaboración con membros do University College de Londres ou a Universidade de Oxford. Xuntos foron quen de localizar unhas pautas de actividade cerebral que posteriormente foron quen de trasladar á linguaxe dos pensamentos coherentes.
O seu traballo baséase en investigacións xa elaboradas de imaxes do cerebro en distintos estados de ánimo e xerando diferentes pensamentos, aproveitando sobre todo aqueles máis vinculados á mentira, á violencia ou ós prexuízos raciais.

PUBLICIDADE