Científicos de EE UU deseñan un pilla de papel que se activa co sangue ou coa suor

martes, 14 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A nanotecnoloxía, a ciencia do pequeno (e do miúdo), non cesa de achegar sorpresas, a meirande parte delas relacionadas co aproveitamento do orgánico para dar realidade a feituras, operatividades e disposicións. É dicir: que un dos seus puntos máis salientables está en amosar o que ten a natureza mesma como fonte de inspiración da enxeñería máis anovadora. Se cadra un bo exemplo disto é desenvolvemento que vén de presentar o instituto Rensselaer Polytechnic Institute dos Estados Unidos: unha pilla eléctrica que é quen de ficar operativa con sangue ou suor dos seres humanos e que ten feitura de folla de papel negro. A nanobatería, que está constituída por un 90% de celulosa e un 10% de nano-tubos de carbono que serven de eléctrodos e transmiten a electricidade, ten unha serie de vantaxes que non se poden pasar por alto: é máis lixeira ca todas as pillas coñecidas até o de agora, ten unha gran flexibilidade e, ademais, funciona en temperaturas extremas, tanto por arriba como por embaixo.
Por outra banda, cómpre sinalar que a batería en cuestión non é outra cousa que papel, imprimible, plegable e recurtable como calquera outra folla, e coa vantaxe de que se pode usar como fonte de enerxía en calquera aparello que se nos ocorra. Ademais, é doada de amorear, como tamén o é calquera apuntamento ou documento que caia nas nosas mans. Porén, se tomamos ó pé da letra as declaracións dos inventores da pilla, o seu principal forte está na súa inocuidade: é biodegradable como calquera outra folla de papel que se prece. Isto, que non se semella tan rechamante como o feito de que se active con substancias procedentes do corpo humano, non deixa de ser un alivio nuns tempos en que camiñamos con auténticas bombas de reloxería contaminantes: os móbiles, que coas súas baterías de litio, cadmio e chumbo poden polucionar (se optamos por desfacernos deles como facemos cos colchóns e as lavadoras que xa non nos serven) centos de milleiros de litros de auga e mesmo alterar a cadea xenética dos seres vivos. Fonte: EFE.

PUBLICIDADE