Científicos atopan un novo xeito de buscar vida extraterrestre por medio das ondas de radio e televisión

luns, 8 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Os astrónomos, tras longos e fracasados intentos de atopar vida intelixente noutros planetas, a base de enviar de xeito deliberado mensaxes ó espazo que nunca foron contestadas (que nós saibamos, claro), cambian agora de táctica, e tal e como vén de informar o Centro Harvard-Smithsoniano de Astrofísica, van procurar agora sinais de emisións de televisión e outras ondas que confirmen a existencia de calquera civilización que habite en preto de 1.000 estrelas.
No proxecto, previsto para primeiros de 2008, empregarase un novo radiotelescopio para buscar tráfico de radio similar ó que se atopa na terra e con este aparello explorarase unha porción do espectro electromagnético empregado no noso planeta para propósitos máis de andar “por casa”, como o radar, a televisión e as emisións de radio en FM.
Grazas á nova iniciativa, poderanse detectar sinais semellantes ás da nosa radio a unha distancia de 30 anos luz. Deste xeito, recibiranse ondas de “persoas que nunca tiveron a intención de que nós as escoitáramos e teremos un indicio de que algo está a pasar”. Así o aseguraba David Aguilar, o director de comunicacións do Centro de Astrofísica.

PUBLICIDADE