Científicos aragoneses coordinarán a posta en marcha dun metaordenador grid

martes, 6 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

O Instituto de Biocomputación e Física de Sistemas Complexos (BIFI) da Universidade de Zaragoza foi elixido para coordinar Piregrid, unha iniciativa hispano-francesa de alta tecnoloxía computacional que entre outras cousas suporá a creación dun metaordenador que poida ser usado por investigadores de toda índole e máis por empresas.
Segundo informa a web da Plataforma SINC, a idea é apostar pola tecnoloxía grid, que basicamente consiste en pór en liña e cooperando todos os recursos computacionais de distintas organizacións, neste caso concreto recursos situados en Aragón, Navarra, Aquitaine e Midi-Pyrénées.
A vantaxe desta tecnoloxía grid é que posibilita interconectar sistemas con seguridade e transparencia e poñelos ao servizo de cálculos de gran complexidade ou cantidades importantes de datos que precisen ser amoreados.
O Proxecto Piregrid xurdiu logo de varios contactos mantidos no marco das xornadas de traballa ISARBA entre científicos e enxeñeiros españois e franceses. A reunión (na imaxe) para o lanzamento oficial de Piregrid, que conta co apoio de fondos europeos, tivo lugar a semana pasada en Jaca.

PUBLICIDADE