Cidadáns e visitantes poderán mercar produtos na plataforma Ribeira Store a partir do sábado 29

xoves, 27 de agosto do 2020 S. P.

Edelmiro Justo (cofundador de TokApp), Ramón Doval (concelleiro de Promoción Económica) e Ana Barreiro (concelleira de Innovación Tecnolóxica)

A plataforma de ecommerce de Ribeira vai rematar agosto converténdose definitivamente nunha realidade, lista para que a cidadanía e os comerciantes lle tiren o máximo proveito. Segundo informou este xoves 27 o Concello, logo de sete meses de traballo, veciñanza, visitantes e calquera usuario de Internet que o desexe poderá mercar na plataforma Ribeira Store a partir do sábado 29. O obxectivo: botar unha man para que o tecido económico do municipio bote abaixo barreiras e opte a novas canles e mercados de venda, “algo se cadra máis necesario ca nunca trala irrupción da COVID”, explicou o Concello acerca do lanzamento desta ferramenta, abeirada ao Plan Reactiva Ribeira concibido para atenuar os efectos da pandemia.
Demostración, o sábado
Para debullar os detalles da plataforma, que destaca en palabras do Goberno local por ser “versátil, intuitiva e potente”, este sábado ás 12 do mediodía na praza do Concello (ou no salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas en caso de choiva) desenvolverase unha demostración que correrá a cargo de Edelmiro Justo, co-fundador de TokApp, a empresa encargada do desenvolvemento tecnolóxico de Ribeira Store, cuxa última fase de posta a punta antes do seu lanzamento consistiu nunha campaña de captación porta a porta entre os negocios do municipio.
O Goberno local lembrou que TokApp está ultimando tamén o desenvolvemento dunha app do Concello de Ribeira que traerá “diversas funcionalidades” e que estará entrelazada coa plataforma de ecommerce. “Será un valor engadido á hora de aumentar o alcance e o número de potenciais clientes”.

PUBLICIDADE