Ciberseguridade e publicidade dixital, temas da formación do Coworking Dixital CCompostela para setembro

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

O programa de formación do Coworking Dixital CCompostela, financiado nun 80% polos fondos europeos FEDER que xestiona a Fundación INCYDE e nun 20% pola Deputación da Coruña, desenvolverá ao longo do mes de setembro cinco formacións sobre dixitalización das empresas dirixidas a pemes e emprendedores que queiran incorporar a transformación tecnolóxica na súa estratexia de negocio para mellorar a súa competitividade.
Segundo explican dende o Coworking, as persoas participantes aprenderán durante este mes conceptos clave de ciberseguridade “que lles permitan detectar onde poden estar as ameazas na Rede, así como a normativa legal que se debe implementar na xestión e protección da información de usuarios e clientes”.
A creación do plan de empresa das novas firmas innovadoras (startups) e a procura de financiamento serán outros dos eixos do programa mensual. Desenvolveranse senllas xornadas na elaboración dun plan de empresa que sirva como carta de presentación ante stakeholders e como folla de roteiro da estratexia de negocio. Amais, analizaránse fontes de financiamento máis relevantes e estratéxicas para cada unha das etapas de desenvolvemento dun proxecto emprendedor ou empresa. A maiores, impartirase unha formación centrada na figura do Customer Relationship Management (CRM) e como implementala con éxito para optimizar as relacións empresariais e mellorar a satisfacción do cliente.
Pola súa banda, a publicidade dixital pechará o programa formativo de setembro a través dun taller de demostración no que os profesionais e emprendedores aprenderán a crear campañas publicitarias en Google Ads que lles axuden a posicionar a súa empresa de forma clara e destacada fronte á competencia.
Para participar neste programa de formacións (presencial e online) é necesaria inscrición na web do Coworking.
O programa conta con expertos en cada área que ten unha ampla experiencia.
-Estela Lareo é unha profesional adicada ao ámbito do CRM e as vendas. É CEO (directora executiva), fundadora e game changer de Ideas Positivas Group, unha consultora tecnolóxica especializada na transformación empresarial a través da combinación de estratexias tecnolóxicas, estratéxicas e recursos humanos.
-Óscar Vidal é docente de Informática e conta con máis de seis anos de experiencia no ámbito da Informática e Ciberseguridade. É coordinador do curso IFCT0109-Nivel 3 de Seguridade Informática, docente do CFGM Sistemas Microinformáticos e Redes e administrador de Sistemas informáticos en Rede.
-Tania Aira é licenciada en Administración e Dirección de Empresas cun Máster en Comercio Exterior, Dirección de Proxectos e Certificación Agile Management. Conta con ampla experiencia en deseño de proxectos e produtos turísticos, plans estratéxicos e de negocio, estudos de mercado, plans internacionais e desenvolvemento de modelos de negocio en diferentes sectores.
-Ángeles Gestal é licenciada en CC Económicas e conta con formación en Business Process Management and IT, Dirección e Xestión de Proxectos con Agile e Metodoloxía PMI. Ten máis de 20 anos de experiencia e, na actualidade, exerce como consultora no ámbito da xestión económica-financeira, a análise de viabilidade de startups e a análise de fontes de financiamento.
-María Sáez Fernández é enxeñeira industrial e especializouse na mercadotecnia de buscadores e o posicionamento onde leva máis de 14 anos traballando. Conta cun Máster en Xestión de Sistemas de Información da Glasgow Caledonian University e colaborou con empresas como Aggreko, onde desempeñou o rol de coordinadora de mercadotecnia en liña.
O Coworking Dixital CCompostela é unha iniciativa da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, financiada a través da Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio e da Deputación provincial da Coruña para impulsar a dixitalización de máis de 350 empresas en 2023 cun investimento de 300.000 euros. Forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña e ofrece un espazo de traballo colaborativo e innovador con equipamento tecnolóxico e programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración de empresas e máis de 40 actividades que se realizarán en Santiago e 32 municipios do sur da provincia da Coruña.

PUBLICIDADE