Chuza! xa é maior: cumpre un ano

mércores, 21 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Tal día coma onte (pero de hai un ano), concretamente o 20 de febreiro de 2006, ás 22:55 facíase pública a posta en marcha de chuza.org! Moito choveu (e tanto) dende que este portal web comezou a súa andaina con tan so 9 historias publicadas en portada, 15 pendentes, 9 usuarios en liña e ningún comentario dos internautas. A día de hoxe, as cifras son ben diferentes: con máis de 1.000 usuarios (case nada) e preto de 130.000 historias publicadas, Chuza! converteuse nunha das páxinas máis visitadas de Galiza (en xaneiro ocupaba o posto 12 no ranking Alexa) e até no mesmo mes, un 10 de xaneiro, rachaba con máis de 9.000 visitas ó portal.
Xa case non é preciso lembrar que este espazo de información, posto a andar por Berto Yáñez, constitúe un sitio galego de novas que emprega un control editorial non xerárquico, ficando aberto a calquera historia ou nova que os internautas consideren interesantes e oportunas, sendo eles mesmos os que as valoran, comentan e deciden se se publican na páxina principal (de xeito que nunca intervén a figura do editor).
Parabén polo tanto para Chuza! no día do seu aniversario e, como se di nestes casos, a cumprir moitos máis (e que nós os vexamos!).

PUBLICIDADE