Churnalism: a ferramenta procura-plaxios xornalísticos

mércores, 23 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Calquera que leve uns cantos anos na Rede, achegando información ou recibíndoa, tivo que pasar por forza pola experiencia de ter atopado textos seus nas casas dos outros, ou ben textos alleos na casa propia, que tamén. O caso é que esta práctica de “citar” non é negativa de por si, xa o dicía Godard nunha entrevista recente en El Cultural, senón o contrario: pode ser enriquecedora. O problema é cando non hai nin consentimento nin vontade de facer algo construtivo co que se recolle nin recoñecemento da fonte orixinal. Aí entramos xa no terreo do plaxio, unha práctica moi estendida na Internet pero que xa existía de antes. Con todo, onde está o problema está a solución, tal e como demostra a posta en marcha de Churnalism, unha plataforma en liña para o achado de plaxios.
Ao parecer, trátase dunha iniciativa independente sen arela de lucro habilitada por Media Standards Trust, e ten como principal finalidade verificar que un texto publicado é de produción propia e non collido, sen recoñecemento, de aquí ou de acolá. Segundo conta Xornal.com facéndose eco de datos de Europa Press, a plataforma fai uso dun sistema de comparación que é quen de separar a fonte orixinal de tódalas segundas e terceiras (de feito, hai veces que se plaxia dun plaxio e así de maneira sucesiva). O miolo da ferramenta non semella ter nada do outro mundo no que se refire a emprego da mesma. O único que temos que facer é seleccionar un texto xornalístico que creamos que puído ser copiado e pegado noutra parte e facer unha busca con churnalism para que nos axude a atopar os calcos. A partir de aí, comeza a procura. Se os resultados dan unha porcentaxe de semellanza vaia alén do 20%, entón estaremos case seguro perante a obra dun xornalista que non se complicou moito a vida na súa xornada laboral.

PUBLICIDADE