Chrome facilita o acceso á realidade virtual a través da web

xoves, 9 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a realidade virtual está lonxe de callar no mercado de consumo, non son poucos os avances que se fan para facilitar a súa consolidación, e agora temos que dende Google confirman que a última versión do navegador web Chrome leva a realidade virtual á web, de xeito que os usuarios que visiten certas páxinas web no seu teléfono compatible con Daydream (inserido no visor correspondente) poderán gozar de novas experiencias VR, que non se limitarán só a uns poucos privilexiados, senón que está vantaxe tamén chegará a calquera outro teléfono, tableta ou ordenador, nos que poderemos empregar o dedo ou o rato para interactuar cos contornos en realidade virtual.
A tecnoloxía WebVR está agora a espallarse, e pretende chegar a cada vez máis dispositivos para achegar as vantaxes das experiencias en VR a cada vez un maior público, para o que a web é unha plataforma de distribución ideal, pola súa neutralidade.
Dende Google lembran que actualmente xa temos páxina web en realidade virtual como o documental interactivo Bear 71, o grande catálogo de localizacións en VR de Matterport, os premiados filmes en VR de Within, as escenas 3D de Sketchfab ou o WebVR Lab de PlayCanvas, todos experiencias moi interesantes que no caso de vivilas cun casco de realidade virtual conseguen un realismo e unha inmersión bastante notable para estarmos ante unha tecnoloxía aínda emerxente.

PUBLICIDADE