China podería impedir a venda de TikTok a empresas estranxeiras

luns, 31 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Instalacións de ByteDance en Beijing

A orde executiva asinada por Donald J. Trump coa que pretendía forzar á venda de TikTok a unha empresa estadounidense para evitar así que os datos de cidadáns americanos puidesen estar ao alcance do Partido Comunista Chinés, pero as actuacións dos EE.UU: non quedaron sen resposta de China e, de xeito que veñen de actualizar as súas políticas de control de exportacións para incluír limitacións para as tecnoloxías relativas á intelixencia artificial, o que podería afectar a ByteDance, propietaria de TikTok, que podería ter problemas para a exportación dos seus negocios.
Aínda que os cambios normativos de China non citan a TikTok, o feito de que se produzan neste momento dá a entender que o Goberno de Beijing busca bloquear a segregación de TikTok e a perda da primeira plataforma social chinesa en ter un grande impacto global.
Aínda que a venda de TikTok a compañías como Microsoft, Walmart ou Oracle puidese ser complicada tecnicamente, o feito de que parte da súa tecnoloxía estea desenvolvida por enxeñeiros na sede de ByteDance en Beijing provocaría grandes problemas na segregación da compañía de xeito efectivo, para separar os negocios en China e no resto do mundo, xa que o funcionamento de TikTok depende de tecnoloxías que ByteDance non estaría autorizada a exportar.
A guerra comercial entre EE.UU. e China non para así de complicarse, e aínda que o caso de TikTok poida considerase superficial xa que trátase dunha plataforma social dirixida principalmente ao lecer, crearía un perigoso precedente, como tamén acontece co veto que Trump quere exercer sobre WeChat, ferramenta imprescindible para moitos chineses, que de completarse o seu veto podería desaparecer das tendas de aplicacións de compañías estadounidenses, o que podería supor grandes prexuízos para compañías como Apple, que poderían perder de vez o seu segundo mercado en volume de vendas.

PUBLICIDADE