China bloquea totalmente o acceso a Gmail

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Google rexistrou unha drástica caída do tráfico de Gmail en China

Tras meses experimentando problemas de conectividade no territorio chinés, parece que finalmente o servizo de correo electrónico de Google, Gmail, está totalmente bloqueado dentro de China dende o pasado venres, cando a grande devasa electrónica chinesa tería incluído un importante número de enderezos web de Gmail, facendo que o servizo quedase practicamente inaccesible como unha medida máis para erradicar a presenza da compañía norteamericana dentro de China.
Se atendemos ao informe de transparencia de Google, podemos ver como o tráfico en tempo real de Gmail en China caeu drasticamente nos últimos días, e aínda que Gmail xa levaba varios meses bloqueado vía web, agora tampouco está dispoñible a través de IMAP, SMTP e POP3, de xeito que os que empregaban o servizo a través de aplicacións tampouco poderán acceder ao mesmo, completando o bloqueo.
Este tipo de controis excesivos da Internet provoca grandes problemas para empresas multi-nacionais, que ven así moitos atrancos para operar dende China, xa que servizos como Gmail son empregados masivamente como solucións de correo corporativo, de xeito que a única solución viable para poder traballar dende China con certa normalidade é empregando plataformas VPN que permitan un acceso á Rede fóra do control gobernamental.

PUBLICIDADE