Chegan os cafés científicos de Neurocom a Redondela e a Santiago

venres, 29 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A ciencia, como cada ano por estas datas, exténdese cara a onde normalmente nunca chega, a non ser a través de propostas específicas de cada quen. Un exemplo ben claro desta divulgación con extensións é a iniciativa do grupo de investigación Neurocom da Universidade da Coruña para levar a ciencia a diversos establecementos hostaleiros do noso país. As novas achegas dos Café Teatro Científicos, así se fan chamar, desenvolveranse ao longo dos vindeiros días en Redondela e Santiago baixo o epígrafe xenérico Que pasaría se xuntasemos nun bar a... A idea da proposta, que vén da man de Xurxo Mariño e Casto Rivadulla (Neurocom), é achegar dúas disciplinas en principio tan afastadas como a artística e a científica, e todo a través da participación nestes encontros de actores e físicos, neurofisiólogos, matemáticos, biólogos ou ecólogos.
Hoxe venres, día 29, celebrarase a primeira destas sesións programadas en Redondela, concretamente no local O escondidiño, ás 21.00 horas. Nesta ocasión xuntaranse nun bar o actor Vicente de Souza, así como os físicos e profesores da Universidade de Santiago Eduardo Sánchez e Enrique Zas.
Xa na xornada do xoves 4 de novembro, no mesmo escenario e á mesma hora, xuntaranse o actor César “Goldi”, a matemática e profesora da Universidade de Santiago Elena Vázquez e o neurofisiólogo Casto Rivadulla, que é profesor da UDC e organizador destas xornadas. O ciclo en Redondela pecharase o sábado 20 de novembro, coas intervencións do actor Vicente de Souza, o biólogo e investigador do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán Luis Sampedro, e o ecólogo e profesor da Universidade de Vigo Alberto Sampedro.
Santiago de Compostela será escenario tamén destes café teatro científicos, cunha sesión o xoves 11 de novembro no local Malas Pécoras, na Algalia de Abaixo, ás 22.30 horas. Reuniranse nesa ocasión os actores César “Goldi” e Vicente de Souza e os neurofisiólogos Xurxo Mariño e Casto Rivadulla.

PUBLICIDADE