Chegan cinco teleformacións tecnolóxicas para afrontar a recuperación da crise do sector turístico

luns, 13 de abril do 2020 S. P.

O sector turístico galego, de cara a afrontar a recuperación para cando se levante do Decreto de Alarma, vai contar este mes de abril cun amplo programa de teleformación achegado polo Centro Centro Superior de Hostelería de Galicia (CHSG), que preparou cinco novos cursos gratuítos online tras celebrar outros tantos nas últimas semanas. O obxectivo do programa, que terá a capacidade de chegar ata a 2.000 usuarios da Comunidade, é facilitar ao sector fórmulas e recursos para encarar a volta á normalidade con xestión dixital, comunicación avanzada e mercadotecnia en liña.
Os dous novos cursos desta semana serán impartidos polo experto en transformación dixital e desenvolvemento de negocio online Tirso Maldonado. O primeiro deles, hoxe luns 13, abordará a implantación de CRM e da email mercadotecnia para empresas turísticas, mentres que o segundo, previsto para o xoves 16, centrarase na mercadotecnia dixital para restaurantes. En ambos casos comezarán ás 11.00 horas.
O luns 20 será a queda do emprendedor Celso Gómez, co faladoiro Como comunicar cos clientes das empresas turísticas superada a crise. O xoves 23 impartirá o curso Boas prácticas no márketing dixital para saír da crise.
Para rematar o programa actual, que poderá ampliarse en función da demanda, inclúese Google Analytics para hoteis e restaurantes, o luns 29 a cargo de Tirso Maldonado, tamén ás 11.00 horas.
O programa completo de obradoiros está dispoñíbel no Espazo Profesional da web de Turismo de Galicia, onde os interesados poden acceder ao formulario de matrícula. Teñen participación prioritaria os propietarios de pequenas e medianas empresas, traballadores de bares, cafeterías, restaurantes, aloxamentos e outros establecementos hostaleiros así como outros profesionais do sector turísticos.

PUBLICIDADE