Chegan ao mercado novos produtos para rememorar ao ZX Spectrum

venres, 21 de agosto do 2015 Marcus Fernández

O ano pasado vimos como un proxecto de micromecenado quería recuperar o clásico ZX Spectrum en forma de consola de videoxogos, e tras conseguir captar a suficiente atención, o produto superou sobradamente o seu obxectivo de financiamento, de xeito que xa é unha realidade comercial, de xeito que o ZX Vega pode mercarse xa por 100 libras esterlinas ás que habería que engadir 16 libras de portes a España (o que sumaría uns 162 euros) o que permitiría recibir dentro de poucos días un destes curiosos equipos informáticos que distribúese cun milleiro de xogos pre-cargados, máis que suficientes para rememorar a máquina que fixo historia na década dos 80, deixando unha profunda pegada en Reino Unido e España.
O primeiro milleiro de unidades do ZX Vega enviouse aos seus mecenas a primeiros de mes, remitíndose a segunda partida de equipos o pasado venres, de xeito que agora xa comeza a distribución para o resto do público.
Esta especie de consola de videoxogos ten un número reducido de botóns que poden mapearse para adaptarse aos distintos xogos dispoñibles, e tamén poden engadirse máis xogos a través de tarxetas microSD (algo que resulta de agradecer, xa que o seu catálogo de xogos inicial peca de demasiado británico).
A máquina consiste nunha carcasa que simula a estética e os botóns do ZX Spectrum, pero agocha no seu interior un procesador ARM con 16 MB de RAM e 64 MB de almacenamento interno, capacidade máis que suficiente para correr xogos de Spectrum (lembremos que estes equipos tiñan entre 16 e 128 KB de RAM). O equipo pode conectarse a televisores PAL o NTSC a través de conectores RCA e, como curiosidade, podemos comentar que non só é posible cargar vellos xogos e configurar as súas teclas, senón que tamén é posible introducirlle pokes (pequenas modificacións que permitían engadir trucos como vidas infinitas ou invulnerabilidade para poder así superar os títulos máis complicados con facilidade).
Por desgraza estamos ante un produto demasiado limitado e cun prezo moi elevado, que pouco poderá facer en comparación con outro produto que verá a luz o 4 de setembro por 98,86 libras: un teclado Bluetooth que recrea a aparencia do ZX Spectrum orixinal (alcumado o gomas) que pode empregarse con emuladores para iOS e Android, que ao ser compatibles con AirPlay e Chromecast tamén poderían facilitar o xogo a títulos de Spectrum no noso televisor ou monitor, á vez que tamén podería empregarse en practicamente calquera equipo con soporte Bluetooth (incluíndo ordenadores persoais) polo que sería un xeito de replicar o ZX Spectrum clásico máis digno que o ZX Vega.

PUBLICIDADE