Chegan á súa sétima edición os Premios Emprendedor XXI

martes, 26 de marzo do 2013 Redacción

Cludeen, Menús.es e PéZcalo foron recoñecidas na última edición do concurso na súa edición galega

Os Premios Emprendedor XXI, que como lembraremos recoñeceron o ano pasado a innovación e as posibilidades do servizo galego Menus.es, xa van pola súa sétima edición. O certame, que a nivel estatal vén da man de La Caixa e ENISA (Empresa Nacional de Innovación) conta co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) como entidade organizadora na nosa terra. O obxectivo deste concurso é identificar, recoñecer e acompañar ás empresas innovadoras de recente creación con maior potencial de medre no Estado español e nas súas Comunidades.
O concurso conta con dúas categorías. Por unha banda Emprendes, dirixida a empresas que iniciasen a súa actividade a partir do 1 de xaneiro de 2010 (dotada cun premio económico de 5.000 euros na fase autonómica e de 20.000 na fase estatal) e pola outra Creces, encamiñada a firmas de entre dúas e sete anos de vida, subdividida á súa vez en tres subcategorías (Ciencias da Vida, Industrial e Tecnolóxica). A dotación nesta modalidade é de 50.000 euros, a recibir cada un dos gañadores de cada subcategoría. Os 24 proxectos seleccionados nesta segunda categoría terán ademais dereito a formación especializada e acceso preferente a financiamento. Respecto aos prazos, dicir que o día 21 de abril de 2013 remata o prazo de presentación de candidaturas á categoría Emprende, mentres que o prazo para presentarse á segunda ficará aberto até o 20 de maio de 2013. Os interesados en participar dende a nosa terra poden obter máis información na páxina dos premios e resolver dúbidas a través do IGAPE, na dirección o correo-e rvr@igape.es ou chamando ao número de teléfono 981 547 226.
Como lembraremos, na pasada edición destes recoñecementos, a galega Menus.es, nacida no viveiro de empresas da Fundación CEL de Lugo, recibiu o Premio Emprendedor XXI na súa edición autonómica, tras presentarse na categoría Emprendes. Menus.es é unha plataforma que ofrece información actualizada diariamente de menús e cupóns de desconto de establecementos de hostalaría xeolocalizados por toda España. Grazas a este recoñecemento a compañía recibiu unha achega de 5.000 euros.

PUBLICIDADE