Chega o quinto Chanfaina Lab con 32 creadoras e creadores

mércores, 29 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

San Sadurniño volve estar, nesta recta final do verán, no centro da actividade da dinamización socio-rural galega a través das novas tecnoloxías. O motivo? A celebración do encontro audiovisual creativo e participativo Chanfaina Lab, que arrinca (a quinta edición) esta sexta feira, 31 de agosto, logo de catro anos desenvolvéndose como foro creativo de obras de ficción, documentais e creación experimental. Na cita 2018-2019 participarán 32 realizadoras e realizadores.
Segundo informa o Concello, entre as persoas participantes atoparemos “figuras destacadas ou cunha longa traxectoria fílmica”, compartindo escenarios con valores emerxentes e persoas sen experiencia previa “pero coa mesma arela de contar e experimentar coa imaxe”. Unha vez máis, os requirimentos serán a liberdade creativa total, a brevidade (os contidos non deberán ir alén dos 5 minutos) e o carácter local das pezas (o protagonista será novamente San Sadurniño e as súas xentes e historias).
Amais da vertente creativa, o Chanfaina Lab volve brindar obradoiros abertos ao público e proxeccións (venres e sábado). Por exemplo (de balde e na Casa da Cultura) a do filme Dhogs, de Andrés Goteira, comentado polo propio director, que participará no encontro (esta finde) con outras dúas ducias de seareiras e seareiros do novo cinema e dos contidos dixitais: Aser Álvarez, Margarita Ledo, Abel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño (Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita), Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán Tenreiro, Helena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía Estevez, Mar Catarina, o triunvirato The Sun Girls (Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López), Natalia Fernández, Pablo Martínez, Rubén Domínguez, Samuel M. Delgado, Sebastián Rodríguez, Simone Saibene e, planeando sobre todos eles, o fotógrafo Gabriel Tizón, quen segundo informa a organización das xornadas, “volverá roubar intres de todas as filmacións do sábado e do domingo”.
Todas as xeiras de divulgación e intercambio de propostas terán o seu arrinque na aula CeMIT de San Sadurniño, o venres ás 18.00 horas, onde se achegará unha introdución sobre o concello e as súas historias, de xeito que as creadoras e creadores poidan ir facéndose unha composición do lugar que será o escenario das súas curtas. Este labor correrá a cargo do profesor Manolo González, un dos ideólogos do Chanfaina, quen explicará como se vai desenvolver o encontro, ademais de facer de guía nunha rápida visita polo centro urbano de San Sadurniño e o paseo do Xubia.
Previamente, a actividade do Chanfaina comezará pola mañá cun obradoiro titulado Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local. Impartirao o experto Carlos Suárez na aula CeMIT entre as 10 e as 14.00h. e das 16 ás 18.00h. Este obradoiro iniciarase cunha charla e exercicios de escoita activa, que introducirán ás persoas participantes no mundo do son e da audición. Despois, mostrarase o uso de gravadoras e micrófonos para realizar rexistros sonoros de campo nos arredores da aula. Como remate farase unha posta en común dos sons gravados seguida dun coloquio sobre a conexión do material recollido coa identidade sonora local.
Despois do obradoiro e da recepción de participantes, a Casa da Cultura acollerá a partir das 20.30h. a Eira de Cineastas, que é unha proxección aberta ao público e gratuíta dunha escolma de pezas de todos os creadores e creadoras.

PUBLICIDADE