Chega o LTE Avanzado da man de Vodafone

mércores, 3 de setembro do 2014 Redacción

Era onte cando a operadora de telefonía Vodafone España anunciaba o lanzamento ao mercado do LTE Avanzado (LTE-A), un servizo que permitirá velocidades de até 300 Mbps en descarga, duplicando a capacidade de transmisión de datos na rede 4G. Cómpre dicir que o dito LTE-A estará dispoñíbel en outubro nas cidades de Madrid, Barcelona e Valencia chegando paseniño ao resto de puntos xeográficos. Asemade, Vodafone vén de incorporar na súa rede a tecnoloxía Voz sobre LTE (VoLTE) -dispoñíbel nos vindeiros meses- e está a realizar probas en distintos puntos da xeografía española.
Voz sobre LTE permite gozar de chamadas de voz en Alta Definición (HD Voice) con tempos de establecemento inferiores a un segundo, dando a posibilidade de acceder a servizos avanzados e interoperábeis que fan máis doada a comunicación multimedia e a colaboración ao mesmo tempo que se realiza a chamada de voz. Deste xeito, pódense empregar servizos de videochamada, mensaxería instantánea, vídeo streaming HD ou navegación 4G durante a chamada.
E indo ao miolo desta nova, a que nos referimos con iso de LTE Avanzado? Pois estamos perante a evolución da tecnoloxía LTE ao 4G que na súa primeira fase permite aumentar o ancho de banda de LTE para achegar velocidades de até 300 Mbps en descarga de datos e que sitúan á operadora na vangarda tecnolóxica nas redes móbiles de cuarta xeración a nivel mundial.
A esta novidade hai que engadir a introdución de novos smartphones que permitirán gozar das velocidades da banda ancha ultrarrápida de Vodafone. O primeiro smartphone da nova xeración (categoría 6) será unha edición exclusiva do Samsung Galaxy S5 compatíbel con redes LTE-A.
En canto ao despregamento de rede, dicir que se levará a cabo empregando as bandas de 1800 e 2600 MHz e, cando estea dispoñíbel a banda 800, permitirá os eu acceso en máis contornas. Con LTE-A súmanse a capacidade das distintas bandas de frecuencia LTE -o que se denomina “carrieraggregation”- para obter velocidades máis altas en descarga de datos. Para facérmonos unha idea: até o de agora, a maior velocidade posíbel era de 150 Mbps.
Por último, lembrar que foi Vodafone a primeira compañía en lanzar os servizos 4G en España en maio de 2013. Arestora, a cobertura 4G chega a máis de 619 municipios, entre os que se atopan as 80 cidades con máis de 70.000 habitantes, todas as capitais de provincia, as cidades autónomas de Ceuta e Melilla e as zonas máis turísticas. En decembro estarán completadas ao 100% con cobertura 4G todas as cidades de máis de 25.000 habitantes. Por outra banda, xa contan con 4G zonas con alta densidade de tráfico: 12 aeroportos, 7 estacións de ferrocarril, 32 espazos encamiñados a eventos multitudinarios, 20 estadios de fútbol e pistas de esquí, entre outros.

PUBLICIDADE