Chega dende a USC unha aplicación que cuantifica automaticamente os niveis de placa dental

xoves, 21 de xaneiro do 2021 S. P.

A app é obra da profesora Maria José Carreira, do CiTIUS, xunto á profesora Inmaculada Tomás, coordinadora do Oral Sciences Research Group (OSRG). Outros investigadores implicados neste desenvolvemento foron Vicente Freire, Nicolás Vila e Carlos Balsa

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago vén de sentar os alicerces dunha aplicación móbil de gran potencial para o ámbito odontolóxico, xa que permite cuantificar os nosos niveis de placa dental de xeito “automático, fiábel e repetíbel”. Faino empregando técnicas de análise de imaxe, achegando información sobre a área, a intensidade e o patrón de crecemento. Trátase do software DenTiUS Plaque, un proxecto da profesora Maria José Carreira, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), xunto á profesora Inmaculada Tomás, coordinadora do Oral Sciences Research Group (OSRG).
O software xa foi avaliado nun teste de uso por profesionais da Odontoloxía, que recoñeceron que DenTiUS Plaque podería “ser unha ferramenta moi útil para a cuantificación dos niveis de placa dental”. As investigadoras engaden que “existen diversos índices clínicos tradicionais, que se aplican habitualmente tanto no ámbito clínico como no investigador, para cuantificar a placa dental”. Estes índices, explican, presentan importantes limitacións, sobre todo “ao tratarse de avaliacións mediante exame visual cunha elevada subxectividade e ao ser determinacións semicuantitativas son altamente imprecisas”.

PUBLICIDADE