Chega dende Vigo unha comunidade de viaxeiros que comparten fotoaudios co mundo: Panoraudio

mércores, 2 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Dende Vigo chéganos estes días un proxecto tecnolóxico ben interesante co que podemos ampliar o coñecemento do mundo que nos rodea a través dunha fórmula ben sinxela: escoitar de primeira man o que contan os viaxeiros-internautas sobre os lugares que visitan e aos que tamén nos gustaría ir en canto teñamos oportunidade. Chámase Panoraudio e, como o seu nome indica, reivindica o concepto de audio como instrumento de comunicación, interacción e (tamén) inspiración, todo cinguido coas posibilidades que achegan os móbiles e a xeolocalización.
En definitiva, Panoraudio convídanos a dar conta do mundo a través dos diferentes sons que abrollan del, e todo a través dunha serie de pezas de audio (con fotografías e xeolocalizadas) en constante crecemento. Cada arquivo vén filtrado por idioma e categoría. En palabras dos seus creadores, “estamos ante unha idea simple, sinxela e con potencial ilimitado”.
Panoraudio vén da man de tres emprendedores de Vigo, entre os que se conta Fernando Julián Freire, e parte da base de tirar proveito das posibilidades de rexistro dos dispositivos móbiles (que non só fan fotografías e serven para comunicarnos e acceder á Rede, senón que tamén, cómpre lembralo, posibilitan facer rexistros sonoros) para darmos conta dos lugares e países onde residimos ou a onde temos viaxado. A idea é permitir que os usuarios de trebellos tecnolóxicos “fagan das súas viaxes experiencias inesquecíbeis”.
Panoraudio non só acubilla información útil e anécdotas sobre sitios “que non podemos deixar de visitar”, senón tamén actividades concretas que facer, onde hospedarnos, comer ou ir de compras. Trátase dunha ferramenta-plataforma-comunidade, polo que se vai facendo coas achegas de todas e todos os usuarios. “As audioguías resultantes”, informan os creadores, “poñen ao noso alcance as vivencias de persoas de todo o mundo que decidiron descubrirnos coa súa voz e as súas propias palabras os sitios de interese que coñeceron ou as actividades que lles fixeron estremecer”.
Para facer uso do servizo, só teremos que permitir que este nos localice no mapa e nos informe sobre todo o que nos rodea, ou ben facermos buscas directas acerca de lugares concretos nos que esteamos interesados. Ademais, “para axilizar as nosas buscas”, teremos a oportunidade de acceder aos distintos audios mediante o uso de categorías.
Segundo engaden os responsábeis deste desenvolvemento, hoxe en día as posibilidades de información e comunicación que nos ofrecen os dispositivos móbiles son ilimitadas. Porén, “aínda usamos unha mínima porcentaxe deste potencial”. Neste senso, engaden, “Panoraudio ofrece a posibilidade de dar un novo uso a estes trebellos, compañeiros infatigables de viaxes”.

PUBLICIDADE