Chega ás redes o certame de podcast dos Premios Martín Códax da Música

luns, 27 de abril do 2020 S. P.

O dixital ábrese paso e dá impulso xa todas as actividades culturais e creativas que se celebran ou preparan na nosa terra. Por exemplo a segunda edición do Proxecto Didáctico Premios Martín Códax da Musica presentada esta fin de semana, unha contribución radiofónica para fomentar a creatividade nos centros escolares a través do traballo cos proxectos inscritos nesta convocatoria. O certame é un novo exemplo de teimosa redeira, coa organización facendo esforzos para sortear as dificultades da situación pandémica actual debido á importancia clave da súa cerna: os novos talentos da rapazada “unha aposta clara polo futuro”. O obxectivo reforzado desta segunda edición é que as nenas e nenos “desfruten descubrindo e escoitando música galega”.
O proxecto didáctico anima ao alumnado a elaborar un pequeno programa de radio, en formato podcast (ficheiro MP3), para divulgar e dar a coñecer as diferentes bandas e estilos musicais que se presentan aos mencionados premios.
Neste ano, ademais, a proposta do proxecto xirará ao redor daquelas bandas con presenza de mulleres. Baixo o suposto de que as bandas galegas de/con integrantes femininas foron secuestradas, o alumnado terá que indagar entre os proxectos inscritos nesta edición dos Premios Martín Códax da Música para atopalas. Unha vez feita a descuberta, será cando realicen a gravación do programa falando do grupo que máis lles gustou.
Adaptación do proceso á situación actual
A organización cóntanos que se ben o proxecto didáctico foi enviado a tódolos centros educativos e profesorado, cunha proposta inicial para o alumnado de 5º a 6º de Educación Primaria e 2º da ESO, “a excepcionalidade da situación deu pé e a que se flexibilizara o seu uso para outros cursos, tomando en consideración o que o profesorado estime oportuno”.
O prazo límite para facer chegar os programas en formato MP3 ou as ligazóns aos podcasts é o 29 de maio.
Dende a organización quérese facilitar “ao máximo” que tódalas alumnas e alumnos poidan ser partícipes desta actividade, “por iso admitirase gravacións feitas cun teléfono móbil ou calquera outro dispositivo que poidan ter as rapazas e rapaces nas súas casas”.
Como se fixo na edición anterior, todos os podcast recibidos serán subidos á radio online dos premios e daráselles visibilidade a través das redes sociais de MAV e dos propios galardóns.
Entre todos os podcast publicados escollerase un e ofreceráselle aos/ás participantes a posibilidade de acudir á gala dos Premios Martín Códax da Música.

PUBLICIDADE