Chega ao iPad un novo cómic español

luns, 17 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Mentres na pasada edición do Saló del Cómic de Barcelona anunciábase con moito rebumbio unha tenda española de cómic dixital chamada KOOMIC, que estaría dispoñible para distintas plataformas (comezando polo iPad) e que está a acumular un importante retraso no seu lanzamento, os autores locais buscan métodos máis directo de achegar os seus contidos á plataforma de Apple, de aí que a pasada fin de semana a App Store recibise unha aplicación para iPad que acolle un cómic de 64 páxinas a un prezo de 0,79 euros que leva por título Ibéroes: La Guerra de las Rosas, e do que tamén está dispoñible un avance de 16 páxinas con parte da primeira aventura e fichas dos personaxes máis importantes que pode descargarse de balde.
Ibéroes é unha obra de Íñigo Aguirre e Javier Tartaglia que editouse en papel no mes de decembro a un prezo de 4,95 euros, polo que resulta prometedor que a súa edición dixital teña un prezo considerablemente inferior, en vez da típica rebaixa dun 20% que intentan impor dende o mundo editorial.
Esta aplicación para iPad é bastante rudimentaria e non parece o método máis axeitado de distribuír comics (plataformas como as desenvolvidas por ComiXology estarían máis atinadas), pero constitúe un interesante experimento do que o sector poderá aprender, aínda que entendemos que o principal motivo para esta edición dixital é a promoción dos seus autores.


Trailer do cómic Ibéroes

PUBLICIDADE