Chega ao Portal da Lingua unha completa serie documental sobre o Camiño Primitivo

venres, 12 de marzo do 2021 S. P.

Este 10 de marzo presentouse unha nova contribución de contidos galegos ás novas redes da comunicación: a serie documental O Camiño Primitivo, creada por Boneca Lareta e Prot Comunicación ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais 2021 da Xunta de Galicia. No acto ante os medios participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, que lembraron que o primeiro capítulo desta produción audiovisual está dispoñíbel xa no Portal da Lingua Galega, onde, cada luns ás 21.00 horas e durante as vindeiras semanas, iranse publicando os restantes episodios ata completar os sete que compoñen a serie.
Valentín García indicou que este traballo mostra moi ben “a capacidade de Galicia para atraer as persoas que veñen de fóra precisamente apostando polo propio, polo que é autenticamente noso e nos diferencia, como o Camiño e Santiago” e alentou aos galegos e galegas “a estarmos orgullosos da nosa paisaxe, do noso patrimonio, da nosa historia e, por suposto, da nosa lingua”.
Pola súa banda, Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, animou á cidadanía “a coñecer e a percorrer virtualmente o Camiño Primitivo por medio deste proxecto audiovisual, no que se comparten experiencias de peregrinos e peregrinas que tan ben transmiten o espírito xacobeo, e tamén a emprender a experiencia de percorrer a ruta, neste momento no que xa se reactiva o Camiño de Santiago dunha maneira segura”.
No acto de presentación acompañounos o produtor executivo da serie, Aitor Rei, responsable de Boneca Lareta.
Primeira ruta de peregrinación a Compostela
O Camiño Primitivo, que percorre o interior de Asturias até Galicia, ten a súa orixe na ruta que tomou o rei Afonso II no s. IX para visitar a tumba do Apóstolo Santiago, a primeira peregrinación a Compostela da que se conservan referencias e, polo tanto, a máis antiga.
A serie documental amosa en cada un dos seus sete capítulos cadansúa etapa, desde Grandas de Salime (Asturias) ata Compostela, mostrando os tesouros materiais e inmateriais desta contorna. Ademais, en todos os episodios hai unha sección, Historias peregrinas, destinada a entrevistar os camiñantes chegados de diferentes lugares do mundo que hoxe en día percorren este trazado.

PUBLICIDADE