Chega ao Portal da Lingua o proxecto de Ames galardoado no concurso Letras Galegas

martes, 1 de xuño do 2021 S. P.

O pasado 27 de maio entregouse o premio do concurso-exposición Letras Galegas 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística correspondente á modalidade de ESO, BAC, FP e máis ensinanzas de réxime especial. O recoñecemento foi dar ao IES Plurilingüe de AMES, polo proxecto Abecedáriome. Entregaron o galardón o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. No acto participaron o alumnado e o profesorado autores do traballo gañador. Segundo lembrou Valentín García, tanto este traballo coma o do centro distinguido na modalidade de Infantil e Primaria, da autoría do redondelán CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro, están dispoñíbeis para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou aos responsábeis do proxecto galardoado pola proposta “orixinal e moi coidada” que aborda “as diferentes facetas da autora anfitrioa deste 17 de maio, desde a de escritora ata a de docente, pasando pola de editora, tradutora e activista cultural e social sempre comprometida coa lingua e coa cultura de noso”. Canda eles, participaron no acto o fotógrafo Xulio Gil, en representación da familia Arias Castaño; o alcalde, José Blas García; a vicepresidenta de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), e a directora do IES, M.ª Soledad Lestón.
Abecedáriome é o título do proxecto didáctico co que este instituto se impuxo aos demais centros galegos participantes. Trátase dun xogo de 10 láminas acompañadas dunha proposta didáctica que en palabras de Política Lingüística “destacan pola súa modernidade e pola acertada selección de información, amais de pola súa unidade, perfección técnica e calidade lingüística, para plasmar a vida, a obra e a época de Xela Arias”.
O centro recibiu, de acordo coas bases do certame, un diploma acreditativo e un cheque por valor 2000 euros. A iniciativa conta tamén coa colaboración de Feiraco Lácteos, no marco das accións de responsabilidade social da cooperativa agrogandeira galega, que contribúe ao premio con lotes de produtos lácteos.
Como dixemos, tanto este traballo coma o do centro gañador na modalidade de educación infantil e primaria, da autoría do CEIP de Porto Cabeiro (Redondela, Pontevedra), están dispoñibles para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE