Chega a versión española do certame de monólogos científicos Famelab

martes, 4 de decembro do 2012 Redacción

O certame internacional de monólogos científicos, Famelab, chega a España. Esta edición estatal é unha iniciativa conxunta de FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) e do British Council, compartindo coa versión internacional a arela de motivar a investigadores e a desenvolvedores de tecnoloxías a achegar os proxectos e traballos de seu á sociedade “dun xeito ameno e doado de entender”. O prazo para a presentación de candidaturas iniciarase este 4 de decembro de 2012 e remata o 31 de xaneiro de 2013.
FameLab naceu en 2005 grazas a unha idea orixinal do Festival de Cheltenham, cuxo principal obxectivo é fomentar a divulgación da ciencia identificando, formando e dando a coñecer novos talentos entre os que traballan en ciencia a través dun formato innovador, o monólogo científico.
Desde 2007, grazas á asociación co British Council, FameLab celébrase en máis de 20 países de Europa, Asia, África e Estados Unidos. A nivel mundial son xa máis de 3.800 persoas as que participaron nalgunha das súas edicións.
FameLab proponse apoiar e animar ás persoas que traballan en ciencia a utilizar as súas habilidades comunicativas para facer chegar o contido do seu traballo á sociedade no seu conxunto, non só aos seus colegas e compañeiros.
Os participantes deberán gravar nun vídeo un monólogo en castelán que teña como base un tema científico e/ou tecnolóxico, cunha duración máxima de 3 minutos e terán que presentalo na páxina do certame, famelab.es.
O tres primeiros participantes clasificados na terceira fase serán galardoados cos seguintes premios respectivamente:
1º Premio: iPhone 5 16GB (libre)
2º Premio: iPad 3 32GB
3º Premio: iPod Touch 32GB
Ademais, o primeiro clasificado do certame Famelab España competirá no certame de Famelab Internacional xunto cos gañadores dos certames nacionais organizados noutros países.

PUBLICIDADE