Chega a novena edición do obradoiro sobre Prestashop da Aula TIC PEME

mércores, 9 de decembro do 2015 Redacción

A Aula TIC PEME da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) vai organizar o mes vindeiro a novena edición do seu obradoiro sobre o sistema libre Prestashop destinado a fomentar coñecemento útil e práctico sobre comercio electrónico e sobre como poñer en marcha e manter o noso establecemento dixital de venda e distribución. A novena convocatoria do Taller Virtual sobre Xestión de Tendas Virtuais con Prestashop diríxese sobre todo a pequenas e medianas empresas (PEME) e e autónomos (aínda que poderá cursalo calquera persoa interesada na materia, sinalan dende a Aula da USC).
Trátase dun obradoiro cen por cen virtual, con contido baseado en vídeo titorías e actividades de natureza práctica. Segundo nos conta a organización, a celebración desta nova convocatoria responde ao importante interese suscitado pola edición previa, a oitava, e nun plano máis xenérico á demanda crecente de coñecementos e metodoloxías sobre comercio electrónico que está a experimentar a nosa terra.
Celebrarase entre o 22 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2016. O prezo xeral será de 50 euros, aínda que os alumnos e ex-alumnos da USC disporán dun desconto do 50% no importe. Respecto aos contidos do obradoiro, é amosar (mediante o uso da plataforma de software libre Prestashop Cartium) cuestións como a instalación e posta en marcha da aplicación, como administrar clientes e empregados, como manipular o catálogo de produtos, como xestionar pedidos e pagos e como facer estudos estatísticos de datos sobre a nosa actividade comercial en liña.

PUBLICIDADE