Chega a iOS a guía galega ePocketGuide

martes, 23 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Seguimos a dar conta de detalles acerca de ePocketGuide, a guía turística galega para teléfonos intelixentes finalmente xa dispoñíbel (de balde) dende finais de marzo para trebellos con Android e agora tamén, dende xa, para iPhone. O servizo, que é gratuíto nos primeiros pasos aínda que as rutas a descargar son de pago (cómpre estarmos atentos ás ofertas e promocións), está a acadar dende a súa posta a disposición dos usuarios no Google Play unha serie de cifras dignas de ser tidas en conta. Así, en só dúas semanas, foi obxecto de 600 descargas. Para celebrar esta boa andaina e o feito de ter sido achegado para iOS, os responsábeis da guía (Víctor Ayán e o seu equipo) anuncian que tódalas rutas serán de balde de aquí até o 1 de xullo.
O servizo ePocketGuide, como xa temos sinalado en ocasións previas, é unha guía de viaxes para teléfonos intelixentes. Xurdiu cos mellores agoiros posíbeis (incluíndo un premio da asociación EGANET, antes de que estivese accesíbel na Rede para descarga) e suscitando importantes mostras de interese na feira madrileña FITUR, onde tamén se deu a coñecer. Logo, a finais de marzo, púxose ao alcance dos turistas-usuarios de Android incluíndo unha ruta de balde por Santiago e outras 50 por toda España. O proxecto, como lembraremos, naceu cando Víctor Ayán, canso de non atopar a ferramenta perfecta para as súas viaxes, decidiu pórse mans á obra e creala. A idea foi, segundo el mesmo nos conta, materializar unha aplicación útil, “moi sinxela e completa, que permitise ter toda a información necesaria: os sitios máis interesantes para visitar, reservar os mellores hoteis e restaurantes, comprar as entradas para as actividades máis divertidas e, todo isto, desde o propio teléfono”. O servizo ten contidos de seu, creados por viaxeiros e xornalistas, todos eles integrados no equipo editor da guía. As rutas teñen información propia, fotografías en alta definición e algunhas mesmo audioguías e vídeos. Nas vindeiras versións o usuario poderá xerar os seus propios contidos e compartilos cos seus amigos das redes sociais, de modo que entre todos vaian creando rutas alternativas, que só verán eles e as persoas coas que queiran compartilas.

PUBLICIDADE